A SELIC Criminal tamén nos achegará ás obras de Rosa Ribas, Sara Vila ou João Tordo; os dous últimos incluídos no Clube de Lectura Criminal que se desenvolve paralelamente na Biblioteca Pública Anxel Casal de Santiago e na Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva de Braga, que terá no Festival da Lectura o seu punto de encontro. Os relatos negros de todo o mundo serán os encargados de fechar a SELIC con Crime en carpaccio, un espectáculo no que Simone Negrin.
Paseos
Ademais do paseo de Crime en Compostela, a SELIC ofrece 12 andainas para descubrir a cidade desde outra ollada. Repítense paseos que gozaron de grande éxito na anterior edición, que nos guían a través da Compostela máxica ou das gárgolas da cidade. Igualmente, este ano poderemos volver a internarnos no Doentes de Vidal Bolaño, percorrendo as rúas nas que transcorre a peza teatral nun paseo dramatizado que medra este ano, interpretado non só por Mónica Camaño e Silda García, senón sumando a Carlos Santiago e Clara Gallo.
A presenza do teatro na cidade será a protagonista de Escenarios de Compostela, guiado por Paula Carballeira, mentres Arancha Nogueira nos levará polas pegadas moradas da cidade; e Xavier Lorenzo Tomé polas personaxes e espazos da súa Baralla de Compostela. «Outros formatos requirirán unha participación máis activa por parte do público», explicaba Louzao, como é o caso de Enigmas de Compostela, un xogo de pistas por equipos para atopar o Códice Calixtino, ou Pasa a noite con Meiji, caderno de viaxe nocturno, un obradoiro-paseo de pintura en acuarela. Este último forma parte da «sesión golfa» da SELIC, que estenderá o horario habitual de actividades o venres 14 e os sábados 8 e 15 de xuño.
25 de abril
Coincidindo co aniversario da Revolución dos Cravos, a SELIC aproveita para explorar os vínculos que unen este evento histórico coa Galiza. Ao fío do libro 50 anos de abril na Galiza, contaremos con Manuel Durán Clemente, capitán da Revolución de Abril, que dialogará co profesor Roberto Samartim, un dos editores. Ademais, a escritora galega Teresa Moure e a ilustradora portuguesa Maria João Worm achegarannos á singular e íntima visión que en Zeca Afonso. Balada do Desterro fan do cantor portugués.
Música, poesía e máis
A SELIC tampouco abandona a súa teima de traer a lectura ao directo con formatos diferentes, que con frecuencia hibridan distintas disciplinas artísticas. Esta edición do Festival virá cargada de música grazas á visita do Leo de Matamá co seu Libre de libro, de F. X. Fernández Naval e Eva Veiga co Fragor do urdido ou de Celso Sanmartín e Benxamín Otero con A cousa eterna. A Fundación Carlos Casares traerá nas súas Coordenadas outros dous recitais: un con Ghaveta e Rexina Vega; e outro coas cegas de Ouselle acompañando a Santi Romay, que interpretará textos de Xesús Fraga.
Tamén para crianzas
A SELIC mantén a súa decidida aposta pola programación para a cativada. Nesta edición contará con diversos contacontos, algúns deles ata con ilustracións ou música en directo. Ademais, trae propostas de obradoiros que mesturan desde o ioga ata a poesía, pasando polas cartografías persoais.
Máis colaboracións