No evento participará todo o alumnado dos centros educativos de Ames, xunto con outras persoas representantes de diferentes colectivos amesáns. Deste xeito, realizarase un acto no que se busca a participación da veciñanza para poñer en valor a figura de Rosalía a través de recitados, música, actuacións e proxeccións.
Rutas teatralizadas pola Costa do Mar de Ovellas
Esta edición volverá a desenvolverse, tras a súa boa acollida o ano pasado, a andaina teatralizada pola Costa do Mar de Ovellas, baseada no poema de Rosalía A probiña, que está xorda. Realizaranse un total de catro rutas, que contarán coa colaboración do grupo teatral Os Quinquilláns e da regueifeira Lupe Blanco.
Haberá tres funcións específicas para os institutos de Ames e realizarase unha para o público xeral. Os participantes farán un percorrido de dificultade media duns 5 quilómetros cun 10% de pendente.
A ruta destinada ao público xeral desenvolverase o domingo 9 de marzo e contará con servizo de traslado en autobús para as persoas asistentes, con saída desde O Milladoiro ás 10.00 horas e desde Bertamiráns ás 10.15 horas. Ademais de poder gozar da ruta, que comeza en Aguapesada e finaliza en Trasmonte, haberá ao final unha pequena festa con música e degustación de petiscos. A inscrición para participar estará aberta do 24 de febreiro ata o 6 de marzo, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.
Por outro lado, as rutas programadas para os alumnos dos institutos de Ames desenvolveranse o martes 18 de febreiro e martes 11 de marzo para o IES do Milladoiro e o luns 17 de marzo para o IES de Bertamiráns.
Acto de presentación das actividades
Ao acto acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Educación, Carmen Porto; a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, e a técnica de Turismo, Sonia Moure.
O alcalde de Ames e responsable dos departamentos de Normalización Lingüística, Turismo e Bibliotecas, Blas García, subliñou que “o Concello de Ames é un referente tamén no traballo e apoio de salientar a figura de Rosalía de Castro, xa que tamén está moi vencellada ao noso concello. Gústanos poñer en valor a súa figura e tamén amosar todo o que segue representando hoxe en día”.
Pola súa banda, a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, explicou que “queremos seguir achegándolle á veciñanza a figura e traxectoria de Rosalía, pois é unha figura coa que nos identificamos todas e todos os galegos e que segue moi vixente. É moi necesario seguir traballando con ela e transmitir esa imaxe de Rosalía empoderada, unha muller culta e feminista, comprometida con todas as causas xustas e, como non, coa lingua galega”.