Ademais da formación académica, o programa inclúe un completo calendario de actividades deportivas e culturais, así como visitas semanais a monumentos e lugares de interese histórico-artístico, co obxectivo de favorecer unha inmersión real na cultura do país.
Durante toda a estadía, o alumnado contará con acompañamento de monitores e persoal especializado, así como cun sistema de titorización e seguimento continuo, que permitirá garantir tanto o aproveitamento académico como o benestar persoal das persoas participantes. O programa inclúe tamén un seguro de accidentes e responsabilidade civil.
Poderá optar a estas bolsas o alumnado de 1º de Bacharelato escolarizado en centros sostidos con fondos públicos da provincia da Coruña, sempre que cumpra cos requisitos establecidos na convocatoria, entre os que se inclúen non ter materias suspensas en 4ª da ESO e ter unha nota mínima de 6 na materia de Inglés.
Non poderán optar a esta convocatoria os estudantes residentes nos concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, co obxectivo de priorizar o acceso a esta oportunidade ao alumnado dos municipios que non contan con programas semellantes ou teñen máis dificultades para poder implementalos.
A selección das persoas beneficiarias realizarase mediante un sistema de concorrencia competitiva que terá en conta tanto o expediente académico do alumno ou alumna como a situación económica e sociofamiliar das familias, reforzando así o compromiso da Deputación coa igualdade de oportunidades.
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 08:00 horas do xoves 9 de abril de 2026 e finalizará ás 14:00 horas do xoves 23 de abril de 2026. Tanto as solicitudes como o resto da tramitación do programa realizaranse exclusivamente por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña.
As bases completas do programa poden consultarse aquí: