Ás 19.30h terá lugar un pleno extraordinario nun dos edificios máis emblemáticos de Conxo, no hospital psiquiátrico, con intervención de portavoces municipais, unha representación veciñal, e da alcaldesa. E a xornada conmemorativa rematará cun concerto da Banda Municipal e un petisco de convivio.
Este acto central non será o único. Ao longo de todo o ano haberá máis actividades conmemorativas: roteiros teatralizados, rutas de sendeirismo, actuacións musicais, presentacións de libros, e unha exposición de fotos antigas recollidas nas parroquias que fixeron parte do antigo Concello de Conxo: “100 anos, 100 fotos”.
Banquete de Conxo
Despois da celebración do centenario, Conxo volverá estar no epicentro do calendario festivo de Santiago coa celebración da VI edición da Festa do Banquete de Conxo. A alcaldesa adiantou que as parroquias convidadas este ano serán Figueiras e Aríns, e o pregón correrá a cargo de persoas representantes deses dous lugares, que facían parte do antigo concello de Conxo. Goretti Sanmartín fixo fincapé en que o obxectivo é «xustamente honrar a historia de Conxo, concretamente a composición parroquial do antigo Concello de Conxo”.
A tenenta de alcaldesa foi a encargada de dar conta hoxe dun adianto da programación prevista para os días 23, 24 e 25 de maio, «nunha celebración que estará marcada pola implicación de diferentes departamentos municipais, e sobre todo pola participación da veciñanza». Nese sentido, María Rozas mostrouse convencida de que esa participación «é precisamente a que lle dá a súa singularidade á Festa do Banquete, e a que proporciona un ambiente especial grazas a que cada vez son máis as persoas que se suman á festa perfectamente ataviadas para a ocasión».
Para axudar a que iso sexa así, desde o departamento de Centros Socioculturais volven poñerse en marcha os obradoiros para aprender a elaborar vestimentas tradicionais ou de época, en colaboración coa Asociación do Traxe Galego e con Bety Busto, costureira especializada en traxes de época. Haberá sesións informativas en Aríns e Figueiras, e talleres en Laraño, Conxo e O Ensanche. Tamén se fai unha chamada á participación no desfile teatralizado do domingo, para o que é recomendable a inscrición no Centro Sociocultural de Conxo.
Programación ampla
A programación do Banquete de Conxo comezará o venres, 23 de maio, cun programa de Cantos de Taberna polo barrio de Conxo. Xa no sábado 24, a programación estará centralizada na Praza de Aurelio Aguirre e estará especialmente destinada ao público infantil e familiar. Así, celebrarase o mercado do libro e da artesanía, a mostra dos oficios con diferentes actividades de dinamización, espectáculos para o público familiar e xogos tradicionais, e sesión vermú coa participación das bandas que ensaian no Centro Xove. Tamén volverá a festa da poesía, unha sesión de canto fraterno coas corais, e volverá funcionar o tren turístico do Banquete de Conxo. Tamén repetirá o roteiro literario con Quique Alvarellos, «unha das mellores maneiras de coñecer o espazo natural do Banquete de Conxo, pero tamén a súa historia».
Xa no día grande da Festa do Banquete, o domingo 25, seguirán o mercado do libro, artesanía e mostra de oficios; están previstas diferentes actividades para as crianzas como actuacións de maxia ou xogos infantís; e tamén haberá propostas musicais ao longo de toda a xornada.