A proba manterá o formato das últimas edicións, con tres distancias de 16, 33 e 50 quilómetros, co obxectivo de adaptarse a distintos niveis de esixencia física e seguir promovendo unha práctica deportiva aberta, participativa e non competitiva. A saída será conxunta para todas as modalidades e o percorrido conservará o formato en liña que caracteriza esta cita, nunha xornada pensada para combinar deporte, convivencia e posta en valor da contorna natural e patrimonial de Brión.
A Andaina Terras de Altamira chega a esta undécima edición avalada por unha traxectoria que a sitúa como a proba máis multitudinarias da Liga de Andainas. Na anterior edición superouse a cifra simbólica das 1.000 persoas participantes, un récord para a proba e unha mostra da dimensión que foi gañando ano tras ano. Brión consolidouse así como un punto de encontro de referencia para o sendeirismo galego, capaz de mobilizar centos de persoas arredor dun mesmo reto e de converter camiños, montes e aldeas nun espazo compartido de esforzo, compañeirismo e orgullo de territorio.
A organización traballa xa nunha nova edición que busca reforzar o valor deportivo e social dunha proba convertida tamén nun escaparate do territorio brionés. Para iso, porá á disposición das persoas participantes unha ampla cobertura de servizos, entre eles bolsa do sendeirista, avituallamentos sólidos e líquidos, seguro de accidentes e responsabilidade civil, servizo médico e ambulancia, así como duchas, piscina cuberta e diploma e medalla de finalista. As inscricións estarán abertas do 15 de marzo ao 20 de maio a través da páxina web oficial da proba (www.andainaterrasdealtamira.org), onde tamén se poderá consultar toda a información relativa ás bases, percorridos, horarios e recomendacións prácticas.