O alcalde de Ames, Blas García, dixo que “este 12 de febreiro de 2024 é un día importante para o noso concello, case o podíamos definir como histórico. A razón non é outra que a constitución do Consello de Administración da Empresa Pública da Auga de Ames. Despois de moito traballo e moitos trámites administrativos chegamos á constitución formal, que terá como data de comezo do servizo o 1 de abril”.
Ademais, lembrouse de “persoas tan importantes en todo este proceso como o anterior alcalde, Jose Miñones, e a anterior concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, por todo o traballo feito, pero tamén a insistencia de concelleiros e concelleiras como Quique Costas, Pilar Candocia e Chus Boo. A verdade é que foi máis tarde do esperado, pero estamos dando o primeiro paso na municipalización dalgún dos servizos, e non vai a ser o último, porque pretendemos municipalizar máis servizos”.
O Consello de Administración da entidade pública empresarial Augas de Ames renovarase cada mandato. Na actualidade está formada por catro edís do grupo municipal do PSdeGPSOE (Blas García, Susana Señorís, Víctor Fernández e Gustavo Nieto), tres concelleiros/as do grupo municipal do Partido Popular (Oliva Agra, Pablo Beiroa e José Ramón Oulego), dous/dúas edís do grupo municipal BNG (Natividade González e Alexandre Espinosa), e unha concelleira do grupo municipal de Espazo Común (Luísa Feijóo). Ademais, no Consello de Administración hai un/unha representante das asociacións veciñais, escollido por parte das asociacións (Lino Berdullas, da Asociación Veciñal de Tapia); e un/unha representante da propia empresa pública, que será designado no momento no que dita empresa comece a funcionar.
Dita empresa pública estará formada por 16 traballadores/as, que serán subrogados da actual concesionaria Espina y Delfín. Na actualidade estase realizando o proceso de traspaso de infraestruturas, persoal e competencias da actual concesionaria do servizo á empresa pública.
Cómpre destacar que as principais vantaxes de que o servizo do ciclo integral da auga sexa xestionado por unha empresa pública son: a transparencia, xa que o Concello disporá de xeito directo todos os datos e información relativa a dito servizo; a proximidade co cidadán; a maior sensibilidade social; a maior participación cidadá; o incremento de empresas complementarias que ofrecerán servizos á empresa pública; e que se ofrecerá un servizo público sin ánimo de lucro, xa que as empresas privadas concesionarias de dito servizo teñen como obxectivo a rendibilidade económica.