Campaña municipal con motivo do 25N
Baixo o lema «se non queres ser cómplice, mellor implícate», a campaña lanzada este ano polo Concello articúlase arredor do concepto da responsabilidade compartida, destacando que mirar cara a outro lado tamén é unha forma de violencia. A través de impactantes anuncios e mensaxes visuais por toda a cidade, a campaña representa imaxes de ollos que evitan, disimulan ou miran de esguello, acompañados de frases que convidan á reflexión sobre a inacción cidadá, como «ISTO NON VAI CONTIGO…, DUBIDO MOITO QUE POIDAS FACER ALGO…, SEGURO QUE NON PODES FACER NADA… e facendo alusión á cifra reflectida no recente Barómetro Xuventude e Xénero 2023 de Fad Xuventude, que revela que un 23,1% da mocidade española de entre 15 e 29 anos considera que a violencia de xénero non existe e que é un “invento ideolóxico.”
A campaña desenvólvese ata o 30 de novembro e encherá as rúas e prazas de mensaxes en diferentes formatos como lonas en distintas localizacións, autobuses, marquesiñas, carteis ou camisetas. Todos estes materiais poderanse recoller na Casa Xohana Torres entre o 18 e o 23 de novembro de 9:30 a 14:30 h e de 16:30 a 20:30 h. Os distintos materias tamén serán distribuídos na rede de públicas, nos centros socioculturais e nas universidades.

A campaña tamén inclúe un plan de contidos dixitais que aborda as formas cotiás nas que se pode actuar para rachar coa cultura da inacción e do negacionismo, a través das redes sociais e da páxina web do CIM. Desta maneira, ao longo do mes de novembro, os perfís de redes sociais de Igualdade irán enchéndose de contidos variados sobre a cuestión. Entre eles, algúns datos relevantes sobre a magnitude das violencias machistas ou contidos sobre as accións que se poden levar a cabo para deixar de mirar para outro lado.
Minuto de silencio