Inés Suárez, natural de Augapesada, explicou que lle fai moita ilusión dar o pregón de inicio dos Seráns de Ames deste ano. “Falarei da tradición galega relacionada cos seráns e foliadas, que xa se organizaban cando nós eramos pequenas nas nosas propias casas. Ademais, aproveitando que este ano se dedicou o Día das Letras Galegas á tradición popular oral, personificada nas cantareiras, vou a poñer en valor a figura das pandeireteiras nas foliadas. Tamén haberá algunha sorpresa musical, e como non pode ser doutro xeito, algunha referencia e anécdota do grupo As Maianas”.
De seguido, representarase o espectáculo infantil Ghop!, de Teatro ao cubo. Ghop! vén de Hop! ¿Que sería de nós sen a gheada para facer que esta palabra de ímpeto soe completa e a nosa querida “h” non fique muda coma sempre?
Ghop! imprime con enerxía un espectáculo coa estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrían as prazas dos pobos e aldeas. Os tres protagonistas, vestidos e caracterizados para a ocasión, aderezan con malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia o show de variedades que esta compañía itinerante ofrece a un público desexoso de divertirse e participar.
Programación dos “Seráns de Ames”
Por outra banda, o xoves 10 de xullo, ás 20.00 horas, terá lugar no campo da festa de Ortoño a actuación musical Lembra Xabarín, unha proposta para todos os públicos que pretende viaxar no tempo para así volver aos anos 80 e 90 e rememorar á época do Xabarín Club para os adultos e descubrilo para os máis pequenos.
Así mesmo, os Seráns de Ames continuarán o xoves 17 de xullo, tamén ás 20.00 horas, no campo da festa de Covas, unha das parroquias que se estrean neste programa. Nesta xornada haberá dúas propostas, unha delas, será o concerto do grupo de mozos amesáns Teen, cun estilo musical máis instrumental, e a continuación, será a quenda de Los Starbros, unha agrupación formada tamén por mozos que están a comezar no mundo da música e que están apostando polo rock.
A programación do mes de agosto comezará o xoves 14, ás 20.00 horas, no campo da festa de Trasmonte, coa actuación de Pablo Balseiro & Los Cascarillas. Balseiro, músico e compositor dende os 14 anos, ten participado en numerosos proxectos e con bandas ao longo da súa traxectoria profesional, e acumula ás súas costas máis de 600 concertos ás súas costas.
Na mesma liña, a carballeira de Bugallido acollerá o xoves 21 de agosto, ás 20.00 horas, o espectáculo dirixido para todos os públicos do grupo formado polas ex-integrantes de Leilía, Montse Ribera e Mercedes Prieto, As Armadanzas “Do Courel ao Condado”. Nesta proposta, farase unha viaxe por todo o folclore galego, interpretando pezas de diferentes localidades galegas.