O obxectivo do Goberno municipal é facer que as rúas e espazos públicos sexan máis amables para a veciñanza coa finalidade de favorecer que os percorridos cotiáns se realicen a pé. Agora, quérese continuar coa humanización da rúa Agrelo, que linda coas rúas Entrerríos e Alcalde Lorenzo xa humanizadas previamente. Para iso a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 29 de febreiro a adxudicación das obras de humanización da rúa Agrelo, en Bertamiráns, por 318.097,61 euros (IVE incluído). Este proxecto, que foi adxudicado á empresa Construcciones D. Ogando SL, enmárcase dentro do POS+ Adicional 2/2023.
O alcalde, Blas García, destaca que “o Concello de Ames vai devolverlle a vida a unha rúa céntrica do núcleo de Bertamiráns que, na actualidade, non está a aproveitar todo o seu potencial. A actuación de Agrelo non é máis que a continuación do proceso de transformación no que o Concello de Ames ten inmersos aos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns para facelos máis amables, habitables e no que as persoas recuperen o seu espazo na rúa”.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “a remodelación da rúa Agrelo súmase ás numerosas actuacións que estamos a realizar nos nosos núcleos urbanos para facelos máis humanos e vivibles”.
Características do proxecto
As actuacións proxéctanse sobre o sistema viario existente, pensado e proxectado dende a perspectiva do automóbil e teñen por obxecto reverter esta situación en favor do tránsito peonil e ciclista, de maneira que a rúa Agrelo se converta na conexión entre a Améndoa central de Bertamiráns e o paseo fluvial, dando prioridade aos percorridos a pé e en bicicleta fronte ao tráfico rodado. Con este fin dotarase á rúa dun carril en sentido único de circulación, aparcamento en liña e beirarrúas máis amplas.