O proxecto para centralizar todas as instalacións do servizo de comedores escolares de Ames na antiga nave de obras de Bertamiráns xa é unha realidade. Este venres, 5 de setembro, comezou a funcionar a Cociña central do Concello de Ames, un proxecto pioneiro que reforza a aposta do Concello de Ames por un dos seus servizos estrela como é a Rede municipal de comedores escolares, que están xestionados directamente polo propio Concello dende o ano 2005.
Durante a xornada deste venres o persoal da Cociña central elaborou a comida para 100 alumnos/as que participan no Setembro Lúdico. O obxectivo foi ver que todo funciona correctamente de cara ao inicio do curso escolar o vindeiro luns 8 de setembro. Para ver a posta en marcha deste novo servizo municipal, esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, realizaron unha visita ás instalación da Cociña central acompañados de persoal municipal.
Durante a visita o alcalde de Ames, Blas García, destacou “a importante aposta do Concello por abrir este novo servizo onde se vai a elaborar a maior parte da comida que se vai a servir nos comedores escolares. Hoxe é un día moi imporante xa que levamos moito tempo agardando poder contar con esta Cociña central. Con este servizo vai comezar a cambiar o sistema de funcionamento dos servizos de conciliación do Concello de Ames, xa que de cara ao futuro queremos dar un novo paso e ampliar este servizo de cociña máis alá do curso escolar, por iso decidimos facer un investimento tan importante nesta nova infraestrutura”.
A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, explicou “hoxe fíxose unha primeira proba aproveitando o funcionamento do Setembro Lúdico e para o próximo luns, 8 de setembro, comezarase a cociñar na Cociña central con total normalidade. Comezamos unha nova etapa moi ilusionante para os traballadores e traballadoras deste Cociña central e para o persoal técnico, xa que sen o seu traballo este servizo non sería posible”.
O Concello de Ames realizou un importante investimento para poder poñer en marcha este novidoso servizo. Nas obras da Cociña central investíronse 379.627,30 euros, mentres que as obras da Central de lavado tiveron un custo de 176.527,70 euros. A maiores houbo que cambiar o tellado da zona da central de lavado no que se investiron 26.477,52 euros e mercar o túnel de lavado que tivo un custo de 60.318,50 euros. En total investíronse 642.951,02 euros (sen contabilizar o mobiliario). O material e maquinaria da cociña (fornos, cociñas, campás extractoras, cámaras de frío, etc.) trasladáronse das antigas cociñas para a nova área de cociña.