Non será o único documental do primeiro fin de semana de Cineuropa. O filme Apocalypse in the tropics, dirixido pola documentalista brasileira Petra Costa, nominada aos Premios Óscar co seu anterior traballo Democracia em vertigem, investiga agora sobre o control cada vez máis poderoso dos líderes relixiosos sobre a política en Brasil.
Tamén na programación destes primeiros días hai lugar para a ficción con filmes como En la alcoba del Sultán, de Javier Rebollo. A película protagonizada por Pilar López de Ayala mira cara ás orixes mitolóxicas do cinema. Ou Polvo serán, de Carlos Marqués-Marcet, gañadora da Espiga de Prata á
mellor película na pasada edición de Seminci, unha historia sobre o suicidio asistido protagonizada por Ángela Molina.
Títulos de autores internacionais como a francesa Cent Mille Milliards, de Virgil Vernier, seleccionada en Locarno; a estadounidense The three faces of Eve, de Nunnally Johnson protagonizada por Joanne Woodward; a chinesa Gou Zhen, de Guan Hu, premiada en Cannes e en Seminci, e traballos de cineastas de Galicia como As Neves, de Sonia Méndez; O frío, de Carlos Dopazo; Barxacova, de Rosa Taboada; Segunda II de Anita Pico e Aquarium de Margherita Morello.
Tras a inauguración deste xoves, a 38ª edición de Cineuropa programa máis de 130 filmes alén de concertos, debates, encontros con cineastas e actividades formativas. Un programa que recolle os títulos máis destacados dos circuítos cinematográficos europeo e internacional, nun auténtico crisol de olladas e procedencias e que ten como pano de fondo a reflexión sobre a democracia e as súas representacións na pantalla, e que agroma baixo o lema ‘O corazón do cinema é a liberdade’. Ao remate da xornada inaugural, máis de 300 persoas compraran xa o bono para asitir aos filmes propostos nesta edición.