“Padrón ten o que precisas. Non fai falta ir a ningún lado: aquí temos de todo”, engadiu, animando á veciñanza a mercar no comercio do municipio.
A concelleira fixo tamén un chamamento á creación dunha asociación de comerciantes e hostaleiros para fortalecer o tecido económico local. “Agora temos que dirixirnos un a un a todos os establecementos, e sería moito máis sinxelo se houbera unha entidade que coordinase estas accións. Así poderiamos optar a máis subvencións e mellorar as condicións do comercio en Padrón”, destacou.
Ademais, Campos celebrou o recente recoñecemento de Padrón como “Pueblo Mágico de Galicia”, tras recibir máis de 6.000 votos nunha votación popular. “Estamos moi agradecidos a toda a xente que votou, mesmo dende Arjonilla, o noso pobo irmán. Este título súmase ao de Pueblo Mágico de España e reforza o noso atractivo turístico”, sinalou. O premio entregarase oficialmente en FITUR 2026, a feira internacional de turismo de Madrid.
A entrevista serviu tamén para repasar outros proxectos recentes, como a nova ruta de sendeirismo das Pesqueiras, homologada pola Federación Galega de Montañismo, e para poñer en valor o papel do mercado dominical de Padrón como “revulsivo social, cultural e turístico”.
“Padrón está máis vivo ca nunca, e queremos que este Nadal sexa o reflexo desa vitalidade”, concluíu Campos, entre agradecementos ao comercio local e a todas as persoas que colaboran coa programación festiva.