Unha integración á que este ano súmase o festival Brión Inclúe, cuxa sétima edición coincidirá no tempo coa Romaría de Santa Minia. “Comezamos no 2018 cun programa de tres días e desde entón non deixamos de medrar. Agora decidimos ir un paso máis aló e facer coincidir o festival coa Romaría de Santa Minia, para que esta programación cultural variada, de calidade e inclusiva sexa accesible ao maior número de persoas posible”, explica Pablo Lago.

Ademais das actividades programadas para o colectivo e para a rapazada de Brión, a novidade deste ano será que tres grupos do Brión Inclúe protagonizarán a sesión vermú do domingo 29 de setembro. Actuarán a tiktoker Leti da Taberna, cun espectáculo de narración oral no que utiliza a ironía para facer crítica social dende unha perspectiva feminista; Iguatuke, un grupo de batukada inclusiva; e Chungo Pastel, un grupo de rock formado por persoas con diversidade funcional cun repertorio de versións de éxitos do pop-rock e algún tema propio.
Un ano máis, a tradicional queima da fachada da Véspera será substituída por un espectáculo de luz e son que, a través da tecnoloxía de vídeo mapping, recreará unha queima virtual de fachada e contará distintas historias para desfrute das persoas asistentes, xusto antes da tradicional tirada de fogos de artificio. Así mesmo, coa Carballeira de Santa Minia pechada, os concertos e as verbenas terán lugar nunha finca a carón das polbeiras.
Os tradicionais postos de venda instalaranse na avenida de Santa Minia, especialmente a partir da tarde do xoves 26 de setembro. A previsión é que este ano se instalen máis dun cento de postos e casetas de venda de rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas, xeados… A maiores estarán as polbeirasestarán instaladas a carón da carballeira, vendendo máis de 5.000 quilos de polbo e grandes cantidades de churrasco, entre outros produtos.
Programación
A Romaría de Santa Minia abrirá as súas portas o xoves 26 de setembro, día de Véspera, cunha sesión vermú coa charanga Santa Compaña. Pola tarde, primeira sesión da VII Festival Monecadas que terá lugar na praza do concello todos os días ás cinco da tarde: “Emotivas”, de Titiritrés; “Unha armadura con ferruxe”, de Títeres Cascanueces; e “Cachimóbil: a cabeza do dragón”, de Títeres Cachirulo. Pechará o festival Títeres Alakrán con “A Cuba!”, o domingo 29 de setembro ás 12:00 horas.
A tarde de Véspera contará coa música da Charanga Noroeste e as orquestras Los Satélites e Olympus, en cuxo intermedio terá lugar o tradicional espectáculo de luz e son e tirada de fogos de artificio.

O venres 27 de setembro comezará coa música do grupo de gaitas Airiños do Petouto e da Charanga Os Jalácticos, que darán paso á sesión vermú coa artista local Ruth Cundíns. Para a tarde, actuacións da charanga Os Celtas de Negreirga e das Escolas de Baile e Música Tradicional de Brión, que darán paso a unha verbena coas orquestras Marbella e Origen.
Para o sábado 28, pasarrúas co grupo de gaitas Devagariño, actuación de DJ Nyan Boe e sesión vermú co grupo de humor Os Tristes, composto por Federico Pérez e Marcos Pereiro. Pola tarde, pasarrúas coa agrupación musical tradicional Tíralle do aire e concerto de Astarot e Sr Salvaje, coas súas respectivas xiras “40 aniversario” e “Vuela”.
Finalmente, o domingo 29 de setembro amencerá co pasarrúas do grupo de gaitas Airiños do Paseo de Colón e da charanga Os Celtas, que darán paso á sesión vermú co Festival Brión Inclúe. Pola tarde, Festival de Bandas de Música coas bandas municipais de Brión e CMUS de Carballo, previo ao concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.