A primeira destas iniciativas será a Ruta das hortas, visitas guiadas, gratuítas e abertas a toda a veciñanza polas hortas de distintas persoas produtoras de Brión, que darán a coñecer como producen de maneira sostible. Trátase de catro explotacións que producen e fan venda directa dos seus produtos, “polo que a iniciativa servirá tamén para “dar a coñecer ás persoas consumidoras o que se produce en Brión, e que se fai de xeito sostible, para así favorecer unha relación de confianza entre produtor e consumidor”.
Así, o Concello de Brión e a asociación Daquí Darredor organizarán 4 visitas ao longo do mes de setembro: o xoves 5 á horta de Marisa (Pedrouzos, de 17:00 a 20:00 horas), o xoves 12 á de Alba e o martes 17 á de Pablo (ambos os dous nos Ánxeles, e en horario de 10:00 a 13:00 horas) e o martes 24 á explotación de Pilar (Trasouteiro, de 17:00 a 20:00 horas). Para participar non é necesaria inscrición previa. O punto de encontro das catro rutas será o Coworking “Transformando en Brión”, no terceiro andar do centro comercial Montebalado, media hora antes do seu inicio.
Coworking Fest
Precisamente para darlle máis visibilidade ao espazo colaborativo de Montebalado, que forma parte da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, o Concello de Brión organizará a primeira edición do Coworking Fest, que terá lugar o 18 e 19 de setembro. Así, o mércores 18 terá lugar unha xornada de portas abertas dirixidas a persoal da Administración Local e persoas que desexen coñecer o funcionamento destas instalacións.
O xoves 19 celebrarase unha xornada formativa en cooperativismo aberta tanto ás persoas usuarias do centro como a interesadas na temática. “Queremos aproveitar unhas datas como as do mes de setembro, que é cando moita xente comeza con novos proxectos, para tratar de darlle maior visibilidade ao coworking e captar novas persoas usuarias”, apunta Guarina Rey.