A actriz Luma Gómez vén de recibir o Premio de Honra Marisa Soto 2026, distinción que lle recoñece a xunta directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) á súa traxectoria profesional como unha das figuras imprescindibles no teatro galego.
Luma é a gran dama do teatro galego que non deixa, aínda a día de hoxe, de batallar para mellorar a situación deste noso sector dende todos os ámbitos, tanto asociativos, persoais ou empresariais, como tampouco deixa de protagonizar espectáculos.
Actriz cunha longa e prolífica carreira profesional. Comezou a súa actividade teatral no ano 1969, profesionalizandose en 1971. Traballou en diversas compañías teatrais e foi cofundadora de varias, entre elas Teatro do Noroeste na que segue a traballar na maioría das producións. Foi socia fundadora da AAAG. Tamén, ten traballado en múltiples montaxes do Centro Dramático Galego en papeis protagonistas.
Na súa carreira destacan papei cinematográficos como coprotagonista no papel de Marica da Fame na película El Bosque Animado de José Luis Cuerda ou protagonista no papel de Urxa na mítica Urxa de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal. En televisión realizou series como: Servizo de Urxencias (1989) na TVG ou Celia (1991) de José Luis Cuerda e José Luis Borau para TVE.
Como actriz de teatro interveu en máis de corenta espectáculos teatrais, entre outros: O enfermo imaxinario, Medea, As alegres casadas, Os xustos, Un soño de verán, Ligazón, As galas do difunto, Alta comedia, As damas de Ferrol, Ensaio, Imperial: Café cantante. Vigo 1936, Romeo e Xulieta, Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas), Glass City (Cidade de Cristal), Historias peregrinas, Linda and Freddy, ilusionistas, A mamma, Palabras malditas, Virxes Salvaxes, Gloria Nacional, Último Verán en Santa Cristina, Guerra e agora tamén protagonizará Polo de Franco.
Anteriormente xa foi galardoada co premio Honra da Fundación AISGE na XXVI edición del Ourense Film Festival (OUFF) e co Premio Xiria ao labor teatral da Mostra Internacional do teatro cómico e festivo de Cangas no ano 2015.
SOBRE A COMPAÑÍA