O deputado socialista afirmou que “o señor Rueda castiga claramente a cidade de Santiago de Compostela”. Ademais, cuestionou se este trato se debe a que “non goberna o seu partido”, e engadiu que “parece que só se poden obter recursos, cartos públicos e tamén todas as propias obras que sexan necesarias en cada pobo ou vila dependendo se es do Partido Socialista, do Partido Popular ou non”.
O secretario xeral do PSdeG compostelán insistiu na necesidade de ir máis aló das pequenas reformas en Conxo e advertiu que a Xunta debe comprometerse con medidas máis ambiciosas. “Non só nos quedemos en parches e en migallas que quere facer a Xunta de Galicia para facer que fai, senón que o que esiximos claramente é que no vindeiro orzamento do ano 2026 se incorpore unha partida específica non para a ampliación, senón para un novo centro de saúde”, sinalou.
Bouza subliñou que esta demanda non é partidaria, senón veciñal, e reclamou apoio do PP local. “Non é unha cuestión que queira o Partido Socialista, senón que é unha cuestión que queren os veciños e veciñas de Santiago”. Por iso, pediu ao portavoz popular compostelán que apoie a iniciativa: “Se se quere representar aos veciños e veciñas de Compostela, se fala con eles e con elas, saberá que o que estamos pedindo é realmente o que se pide”.
O deputado explicou que xa foron rexistradas as iniciativas parlamentarias correspondentes e avanzou que o grupo socialista tamén presentará emendas aos orzamentos. “Queremos que se debata, queremos que se fale e sobre todo queremos que se posicione o Partido Popular. O Partido Popular non pode dicir unha cousa en Santiago e outra en Galicia”, advertiu, engadindo que “se se quere un compromiso con Santiago de Compostela, que se demostre con feitos”.
En relación coas obras actualmente en marcha, Bouza comprometeuse a facer un seguimento rigoroso: “Estaremos vixiantes de que, mentres non se proxecta un novo centro de saúde, se cumpran os prazos, se cumpra o orzamento e, sobre todo, de que non se demoren as obras”.