O #benquerer como compromiso colectivo fronte ás violencias machistas
Esta iniciativa continúa a liña estratéxica iniciada na campaña de 2024, “Que a vergoña sexa deles. Para nós, o benquerer”, na que se puxo o foco en mudar o lugar da culpa, sinalando que a responsabilidade debe recaer sobre quen exerce violencia e non sobre quen a sofre. Aquel traballo apostaba por visibilizar a pluralidade de perfís dos maltratadores e romper estereotipos, ao tempo que reivindicaba o benquerer como camiño colectivo. A campaña deste ano dá un paso máis nesa dirección: interpélase directamente aos homes a asumir un papel activo na prevención das violencias machistas, dándolle a volta a unha expresión popular para convertela nunha chamada á reflexión e á corresponsabilidade.
“Con esta campaña reafirmamos unha liña de traballo clara: poñer o foco no problema real, nas agresións e nos comportamentos machistas que os homes aprenden, reproducen e chegan a asumir como naturais, e non nas mulleres. A campaña incide nesas actitudes machistas profundamente normalizadas polo contexto social, cultural e educativo no que vivimos e que durante demasiado tempo permaneceron invisibilizadas. Se realmente queremos unha sociedade máis igualitaria, fai falta valentía para nomear o machismo sen eufemismos e fai falta compromiso para construír relacións baseadas no respecto, na igualdade e no coidado. Iso é do que falamos cando falamos do benquerer”, concluíu Lucía López, concelleira de Igualdade.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES DO 25N EN ARZÚA
Xoves, 20 de novembro
10:00 h · Casa das Mulleres
Xornada de formación · “Prostitución, explotación sexual e trata. Realidade e dereitos”
Coa colaboración de Médicos do Mundo.
20:00 h · Casa de Correos
Inauguración da exposición fotográfica Mulheres, de Mercedes Vázquez Saavedra
Aberta do 20 de novembro ao 10 de decembro.