Residencia creativa e espectáculos de danza
O festival herDanza principal a súa oitava edición cunha residencia creativa da compañía de danza ASELAS arredor da súa peza Víscera, que se desenvolverá a partir do 2 de setembro no Centro Xove da Almáciga e o Auditorio de Galicia. Creada polas bailarinas Loaira Lázare e Lucía González, Víscera explora a creación conceptual arredor da temática ecofeminista empregando a técnica do flying low e a improvisación, no marco das tendencias experimentais que agromaron na danza contemporánea na última década. A peza funde movemento e interpretación para construír unha narrativa con ton de denuncia e emprega constantes musicais, poéticas, coreográficas e escenográficas que fan referencia ao estómago, ao oco e ao baleiro. Deste xeito, a proposta busca ir desdebuxando os movementos ata completar un proceso de animalización final, unha forma de sacar a carraxe visceral acumulada. O resultado da residencia presentarase ao público na última xornada do festival, o sábado 7 ás 17.30 horas na praza de San Martiño Pinario.
Alén desta peza, o público de Compostela poderá gozar doutros cinco espectáculos. O primeiro deles será L’oiseau Bleu, unha creación da bailarina cubana Lisvet Barcia que se presentará o xoves 5 de setembro ás 17.30 horas no Museo do Pobo Galego. A obra explora a metamorfose dun tipo de dor no seu estado máis profundo de soidade e retrata como, no illamento, a mente humana pode crear seres e paisaxes irreais e utilizalos como mecanismo de supervivencia para transformar a dor nunha experiencia que redefine completamente a existencia, a propia e a maneira como esta é percibida por persoas alleas. Esa mesma tarde, a igrexa das Ánimas dará acubillo ao espectáculo, Al atravesar la rendija, de Paula Morejón e Adrián López. Trátase dunha peza de curta duración e potente fisicalidade que crea paisaxes suxestivas para facer o público parte do acto de comunicación dende o corporal.
A axenda do venres 6 inclúe dous novos espectáculos. O primeiro deles une o Colectivo Globo co Conservatorio Profesional de Danza de Lugo na peza Rito, que poderemos ver ás 17.30 horas na Casa das Máquinas. Esther Latorre asina a coreografía desta obra que reflexiona sobre a natureza humana e sobre a resposta colectiva ante a adversidade. Ás 20.00 horas chegará a quenda de Ay Cariño!, o dúo galego conformado por Cris Vilariño e Diego M. Buceta. Presentarán na praza de Mazarelos WTF! unha explosión de danza de ritmo frenético protagonizada por dúas criaturas doutra galaxia que chegan á Terra nunha fuxida cara adiante sen pausa.
Canda a representación de Víscera, da compañía Aselas ás 17.30 horas na praza de San Martiño Pinario, a axenda do sábado 7 de setembro inclúe o pase de La mona de seda, de María de Vicente. A praza da Inmaculada acollerá ás 20.00 horas esta peza que conta con composición e interpretación musical de Cristian Durán (Duuma) e que nos sitúa ante unha personaxe que busca a súa esencia fronte ao sobreestímulo de informacións e ás imposición sociais, culturais e políticas que lle ditan o que se espera dela.