Borja Verea recordou que durante tres anos o BNG defendeu que o modelo de concesión era negativo para Santiago, apostando pola sociedade mixta ou pola municipalización. “Levan tres anos dicindo que a concesión é mala para a cidade, que non cren nela. E agora resulta que está enfadadísima porque non sae adiante algo que ela mesma di que non quere. A pregunta que se están facendo todos os composteláns é clara: por que está tan enfadada?”.
Segundo o líder popular, “o que quería era que lle solucionáramos o problema sen mollarse ela. Votar en contra para non ter que dar a cara diante dos seus socios de Compostela Aberta e que fose o Partido Popular quen lle sacase adiante a concesión. Iso é unha actitude de cobardía política”.
Verea foi máis alá e advertiu: “Moito me temo que a realidade é que a alcaldesa si está a favor da concesión, pero non o pode dicir porque tería que dar moitas explicacións aos seus socios de Compostela Aberta. Se é así, que sexa valente e vote a favor da concesión. E se non quere concesión, que non se enfade tanto e que traballe para conseguir os votos da alternativa que defenda”.
Durante a súa intervención, o líder popular tamén fixo referencia ás declaracións realizadas no pleno por un membro do goberno de Compostela Aberta, que afirmou textualmente que a actual concesionaria estaría imputando un 20% de gastos inexistentes e preguntou onde están eses cartos. “Se iso é certo, este goberno terá que explicar por que está pagando un 20% de gastos inexistentes. E se non o é, terá que explicar por que lanza acusacións tan graves”, advertiu.
Borja Verea asegurou ademais que “é evidente que Goretti Sanmartín non lidera a cidade, que non lidera o pacto co PSOE e que tampouco lidera o seu propio goberno”. “O que estamos vendo estes días é unha sobreactuación permanente para tapar a súa falta de liderado”, sinalou.