“Tamén potenciaremos Área Central -subliñou Verea- como ese gran proxecto de ocio e consumo familiar, estamos falando dun dos maiores espazos en Galicia en metros cadrados cubertos; e engadimos propostas para o Casco Histórico dentro do noso Plan, como a festa do Románico, que conectará as nosas raíces culturais europeas nun programa amplo de ocio, música, comercio e gastronomía”.
Así mesmo, asegurou que esta iniciativa pretende tamén “rehabilitar espazos públicos, especialmente, no Casco Histórico, para coworking para autónomos, que permitirá desenvolver a súa actividade a baixo custe, sobre todo, nos primeiros momentos”.
Borja Verea insistiu en que “fronte ao desgoberno, ao despilfarro, a decepción nós imos a seguir propoñendo medidas, porque sabemos e cremos que Santiago merece outro goberno e continuaremos traballando, como o estamos facendo, en positivo e con propostas e con xenerosidade, pensando no futuro dos santiagueses”.
Pola súa banda, a edil popular, Olaya Otero, explicou algunha outra das medidas que conformarían o Plan de choque anunciado por Borja Verea, como a reactivación da Mesa Local de comercio, “para favorecer unha participación real do sector na toma de decisións e no deseño da estratexia comercial da cidade, unha obriga que o goberno de BNG e CA está incumprindo”.
“Procederíamos -remarcou- á creación dunha Comisión Específica para revitalizar o comercio tradicional na Zona Histórica, dando prioridade aos artesáns con oficios tradicionais, ademais da elaboración dun Plan de Revitalización Comercial para esta mesma zona, centrado en novas infraestruturas, conectividade dixital, mobilidade sostible e innovación e na elaboración dun Plan Urbanístico de Usos Comerciais”.
Otero tamén propuxo a “creación e posta en marcha dun Censo de Locais Comerciais Baleiros Dixital, que sirva como ferramenta áxil, transparente e eficiente ás persoas emprendedoras que queiran establecerse no noso Concello e axudar así á remuda xeracional”, ademais de facilitar o aparcamento, coa extensión de zonas exprés e o fomento e conexión cos aparcamentos de borde, entre outras medidas.