Borja Verea mantivo unha reunión no Parlamento de Galicia, para abordar, entre outras, a problemática que está a xerar en Santiago esta situación, e onde analizaron tamén o aumento do ruído nas rúas compostelás, sobre todo, pola noite. Entre os asistentes atopábanse Roberto Almuiña, da AVV Fonseca; Patricia Quintás, de Raigame; e un representante de Fegacústica; e polo Grupo Parlamentario Popular, acompañando a Verea, estaban as tamén deputadas Katherinie Varela e Felisa Rodríguez.
Subliñou ademais que, “tal como nos trasladan, cada vez son máis as situacións complicadas que alteran a convivencia e xeran alarma entre veciñas e veciños”, xa que se producen altercados na vía pública; increpacións a veciños; acampadas na rúa de persoas sen fogar, que pernoctan baixo os soportais; narcopisos e “menudeo” de estupefacientes, unha cuestión que lles preocupa especialmente e que, segundo aseguran, tamén se produce a plena luz do día.
Persoas vulnerables na rúa
Por outra banda, Verea tamén se referiu á situación que se está a vivir na praza de Cervantes, “é extrema e intolerable, pero as veciñas e veciños, comerciantes e visitantes de Santiago lévana padecendo sen remedio desde hai tempo”.
O tamén deputado autonómico engadiu que “o senfogarismo é unha realidade que en vez de ir a menos vai a máis, pero o goberno de BNG e CA segue sen tomalo en serio, evidenciando tamén que os servizos e recursos municipais son claramente insuficientes”.