“Fago outra pregunta, non son conscientes do seu estrepitoso fracaso?, xa sabemos que a alcaldesa e este goberno en minoría non vai dimitir, entre outras cousas, porque teñen un chiringuito montado de 25 asesores e altos cargos que hai que manter, pero hai unha realidade, isto xa non dá para máis”, subliñou.
O líder popular insistiu en que “hai moi poucas respostas para a situación na que está o Concello en todos os departamentos e en todas as cuestión”. E engadiu, “a pregunta que temos que facernos todos é se chegamos ata aquí por vagancia? por falta de coñecemento? por falta de preparación? Só hai esas tres opcións, porque a outra, a da mala sorte, xa está descartada, xa que non poden ter mala sorte en todos os departamentos.
TAXA DE REPOSICIÓN
Para Verea está claro que “BNG e CA non coñecen nin a regulación para poder contratar máis policías locais e bombeiros, ou para pagar as nóminas completas, senón é imposible que despois de tres anos esteamos nesta situación, só hai que ter ganas de traballar e de chegar a acordos”. Así apuntou que “só con dedicar uns minutos a ler a normativa xa verían, claramente, que a taxa de reposición é acumulativa e que hai propostas excepcionais, ninguén entende este debate, nin como son quen de repetir, semana tras semana, mes tras mes, que non se poden contratar máis policías e máis bombeiros, cando o están facendo outras cidades, pero están cómodos nese discurso e acabaron crendo a súa propia mentira”. “ A lei permite contratar máis policías pero eles non quixeron e agora estamos así”, concluíu.