A feira desenvolverase nunha xornada única que contará coa participación de empresas de distintos sectores produtivos, entidades formativas e servizos de orientación laboral. Durante a xornada desenvolveranse simultaneamente foros para empresas, charlas de interese relacionadas co emprego; ademais de orientacións laborais express, simulador de carretilla elevadora, servizo de maquillaxe e fotocurriculum…
Na primeira das mesas, “Benestar laboral, absentismo e inspección de traballo” trataranse temas como o absentismo, a mellora da produtividade ou a importancia do benestar laboral. Estará moderada por Juancho Armental, do grupo Arestora, e contará coa participación de María Teresa Pedrosa, inspectora de traballo da Coruña; María Quintana Pérez, directora xeral de Promoción da Igualdade; e Juan Carlos Rama, director de Recursos Humanos da Corporación Empresarial Congalsa.
Na segunda das mesas, “Oficio e beneficio? Orientación profesional, universidade vs. FP, emprego público vs. emprego privado”, trataranse temas como as opcións de formación regrada e non regrada, saídas universitarias ou traballo na administración pública. Estará moderada por María Mercedes Argibay, xefa do departamento FOL do IES Leiladoura, e contará coa participación de Silvia Doce, directora de becas FEUGA; María Mariño, técnica de Recursos Humanos do Concello de Boiro; e Zeltia Lado, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.