Os departamentos de Cultura e Mocidade do Concello de Ames, organizan a primeira edición do Festival Emerxente, unha iniciativa que pretende ser un espazo onde os mozos e mozas de Ames e da súa contorna que están a comezar no mundo da música, poidan ter unha plataforma onde presentar os seus traballos e darse a coñecer.
A presentación desta nova cita musical tivo lugar na tarde de onte, luns 21 de xullo, no parque do Ameneiral. Á presentación asistiron o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García; a técnica do departamento de Mocidade, Pili Villaverde; e dous dos artistas que actuarán nesta cita musical, MR. T, e Pelayo González, cantante de Lepayitss, que estivo acompañado do seu produtor, coñecido artisticamente como PRTO, Daniel Nieto.
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García, explicou que “estamos moi orgullosos da posta en marcha do Festival Emerxente, xa que serve para darlle un espazo e apoio aos artistas novos do noso concello e da contorna para que poidan presentar todo o traballo que realizan. Ademais, é unha oportunidade para que poidan darse a coñecer como artistas. Esperamos que haxa moita participación por parte da veciñanza e, sobre todo, que eles poidan aproveitar a oportunidade e pasalo ben”.
A técnica de Mocidade, Pili Villaverde, subliñou que “esperemos que en vindeiras edicións se se animen moitos máis grupos a participar e, sobre todo, lembrarlles aos mozos e mozas que aquí teñen oco todo tipo de propostas para dar visibilidade á súa creatividade e música”.
Pola súa banda, MR. T destacou que “é unha cita que, ademais, sendo gratuíta é unha boa oportunidade para poder incentivar e animar á xente a asistir”. Na mesma liña, Lepayitss subliñou que “imos aproveitar esta oportunidade que nos ofrece o concello ao máximo para presentar o noso traballo e darnos a coñecer entre a veciñanza e novos públicos”.