Entre os aspectos destacados, mencionou o crecemento do turismo asiático na zona. “Cada vez máis visitantes de Asia elixen o Camiño de Santiago, e iso é moi positivo para a economía local. Estamos a traballar nun turismo de luxo, pero tamén accesible para todos os niveis económicos.”

Outro dos eixos destacados da intervención foi o compromiso de Arzúa co turismo sustentable. A concelleira mencionou iniciativas como a promoción de rutas de sendeirismo, cicloturismo e actividades vinculadas ao patrimonio natural e cultural. “Queremos que Arzúa sexa un destino verde. Temos paisaxes espectaculares, fervenzas, santuarios e moito máis. Estamos en contacto con axencias especializadas para potenciar estas experiencias,” afirmou.
Balado, responsable de Obras no casco, tamén informou do avance das obras na Fraga do Rei, un proxecto de gran envergadura cun orzamento de 600.000 euros. “Estas obras estaban previstas para 2022, pero sufriron retrasos. Agora están en marcha e agardamos que estean rematadas nun prazo de seis meses. Será un espazo renovado que atraerá máis visitantes,” comentou.
No ámbito político, a concelleira tamén foi consultada sobre os conflitos internos no PSOE en Santiago de Compostela. Balado mantivo unha postura neutral, pero recoñeceu que estas situacións poden ter impacto na percepción pública. “Os conflitos internos non benefician nin ao partido nin á cidadanía. Son etapas que pasan en todos os partidos, pero o importante é traballar para recuperar a confianza e volver a gobernar na capital,” sinalou.