Hai dúas novidades importantes con respecto desta taxa: pasará a cobrarse nun único recibo (salvo que a persoa contribuínte pida aprazalo en tres, cinco ou nove cotas) e tomarase como referencia o valor catastral das vivendas fronte aos consumos da auga. Ademais, establécense exencións para as vivendas que se sitúen a máis de 200 metros dun contedor (no rural) ou para solos sen edificar, así como persoas con ingresos por debaixo do Iprem ou persoas beneficiarias de rendas sociais.
A cota mínima non varía con respecto á anterior e será de 6,17 euros ao mes. Ata 33.841,91 euros de valor castastral da vivenda, só se pagará a cuota mínima e, para o resto, establécense ata cinco tramos de forma que como máximo haberá que sumarlle 3,2 euros no tramo máis alto (a partir de 102.376,66 euros). A cota fixa non doméstica increméntase un 24,31%.
Segundo explicou o concelleiro, a escolla do valor catastral é o máis fiable e empregado para fixar o importe da taxa doméstica. Neste valor téñense en conta múltiples variables que indican tanto posibles usuarios e polo tanto residuos –metros de superficie do inmoble–, como capacidade económica –localización, calidade da construción–.
Esta nova ordenanza permitirá obter o financiamento suficiente do servizo de xestión de residuos e crear incentivos ás boas prácticas e á mellora da eficiencia económica na xestión de residuos. Ao respecto, lembrou que a separación en orixe permitirá reducir o canon que se paga a Sogama, polo que incidiu na importancia da implicación de toda a veciñanza.