“É un modelo onde encaixan as distintas funcións do espazo público. A circulación é unha das funcións do espazo público pero non é a única, como dicimos co Conector Central. Polo tanto, hai que repartir o espazo público, que é limitado, dunha forma xusta, equitativa e eficiente entre os diferentes usos do espazo público”, denfendeu Iago Lestegás.
“É un proxecto piloto da nosa estratexia para o Ensanche, pero enmárcase nunha estratexia máis ampla para o Ensanche, enmárcase nunha reflexión moi ampla para o conxunto do Ensanche e da cidade porque nós consideramos que a planificación é importante e que definir criterios e aplicar criterios á hora de facer obras e actuacións de transformación urbana e non actuar con improvisación é importante”, engadiu.
Praza de Vigo

Relacionado con este anteproxecto, deu a coñecer tamén outro traballo previo deste tipo para a Praza de Vigo, “un espazo público de grandes dimensións pero que moi pouca xente percibe como espazo público”. Actualmente, ten un estacionamento soterrado que vai continuar nese mesmo lugar, pero o anteproxecto formula un acceso á Rúa Nova de Abaixo desde Santiago de Chile (como actualmente), e cara a Romero Donallo pola Avenida de Vilagarcía desde Santiago de Chile (que implica un cambio de sentido da circulación actual), liberando espazo público para as persoas (non se podería circular desde a Avenida Rosalía de Castro).
A proposta permite gañar a praza para a cidadanía, aproveitar a viseira que cobre o acceso ao párking para facer un pequeno anfiteatro para unha zona aberta con tratamento vexetal (que se poderá aproveitar para un pícnic, por exemplo), rodeado de árbores e cun pavimento de calidade, mantendo a zona de xogos infantís. “Este anteproxecto crea unha praza onde agora mesmo non a hai mantendo o estacionamento no subsolo”, destacou.