A segunda parte do programa estivo centrada nas Festas da Ascensión, que comezan esta semana cunha programación marcada pola presenza de artistas galegos e actividades tradicionais.
A concelleira do BNG, Pilar Lueiro, defendeu a aposta do goberno municipal pola cultura galega e pola programación de rúa, destacando que as festas “non son só concertos”, senón tamén espazos de convivencia arredor da tradición, as corais, o baile tradicional, a feira cabalar ou o torneo da chave. Ademais, aclarou que a presenza das Tanxugueiras será unha presentación de disco e non un concerto convencional.
Desde a oposición, tanto PP como PSOE cuestionaron a falta de ambición do cartel. Marta Abal considerou que Santiago perdeu parte da “expectación” que antes xeraban as festas e abriu o debate sobre combinar concertos gratuítos con actuacións de pago para atraer artistas de maior renome estatal ou internacional.
Nerea Barcia foi especialmente crítica co programa, ao que cualificou de “pouco ambicioso”, asegurando que as festas merecen “máis” por tratarse da capital galega. A representante popular reclamou maior presenza de actividades nos barrios e no rural, ademais de máis diversidade musical e mellor información na programación dixital.
En resposta ás críticas, Pilar Lueiro reivindicou o modelo cultural impulsado polo executivo municipal, defendendo que “a música nosa e a cultura de noso non lle restan calidade a nada do que vén de fóra”. A edil lembrou a presenza de artistas como Mondra ou The Rapants e destacou o protagonismo da Banda Municipal, das agrupacións folclóricas e das corais compostelás.
Tamén Xan Duro coincidiu en sinalar que Santiago está aumentando progresivamente a súa oferta musical ao longo do ano grazas ao uso de espazos como o Multiusos ou o Palacio de Congresos, aínda que admitiu que “hai moita marxe de mellora”. O representante de Compostela Aberta mostrouse partidario de manter o acceso gratuíto aos concertos das festas, aínda que non pechou a porta a estudar fórmulas mixtas no futuro.
O debate rematou cunha idea compartida entre as distintas formacións: o potencial de Santiago tanto no ámbito deportivo como cultural continúa sendo unha das grandes fortalezas da cidade, aínda que persisten diferentes visións sobre como aproveitalo e proxectalo cara ao exterior.