O coñecido como Noia Harp Fest, o único evento do noroeste peninsular dedicado á interpretación musical a través da arpa, comeza este xoves, 8 de agosto, a súa 11ª edición. O evento arrancará, por terceiro ano consecutivo, coa celebración do Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta coa que o festival procura estimular a relación e crear unidade entre as e os instrumentistas máis novos do país, e que nesta ocasión proceden da ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), da Barreiro Arpa Escola (Vigo) e do Conservatorio de Torroso (Mos).
Así, un total de 23 nenas e nenos de distintas localidades galegas ensaiarán e compartirán os seus coñecementos, acompañados por membros da Asociación Noia Harp Fest, desde as 10.30 horas da mañá no Liceo de Noia. As probas culminarán nun concerto colectivo que terá lugar este xoves, 8 de agosto, ás 13.00 horas, no mesmo Liceo e, como peche do recital, as e os estudantes interpretarán un tema en común. O acceso á dita actuación será de balde para o público.
Xa en horario de tarde, as dúas ducias de estudantes de arpa de Galicia que participarán neste III Encontro poderán gozar dunha sesión de navegación en embarcacións tradicionais e convivencia náutica pola Ría de Muros-Noia, tamén coñecida como Ría da Estrela, en colaboración coas asociacións Balandro Joaquín Vieta e Terra de Outes.