Tamén o día 8, a Praza de Galiza acollerá inchables, xogos e obradoiros dirixidos ao público infantil e familiar entre as 16:00 e as 20:00 horas, contribuíndo a crear un ambiente lúdico no centro da vila. Pola súa banda, a animación musical chegará da man da Charanga BB+, que percorrerá a feira e as rúas do casco urbano entre as 11:00 e as 14:00 horas. Xa pola tarde-noite, ás 19:30 horas, a Rondalla Moraima e as Pandeireteiras de Montefurado visitarán os establecementos hostaleiros participantes, amenizando o ambiente e contribuíndo á dinamización dos locais.
A programación do día 8 culminará co sorteo dun iPhone 16, que terá lugar de forma presencial na Praza de Galiza ás 20:30 horas. Entrarán neste sorteo todas aquelas persoas que, durante os días da campaña, realicen compras ou consumicións superiores a 5 euros nos establecementos adheridos e depositen previamente o seu boleto nas urnas habilitadas en cada local.
As bases completas do Día do Comercio Local poden consultarse na páxina web do Concello de Arzúa: www.arzua.gal.
A concelleira Begoña Balado subliñou que, “dende o Concello, queremos darlle continuidade e máis pulo ao Día do Comercio Local, incrementando o orzamento e incorporando novas propostas arredor desta celebración”. Ademais, avanzou que o Goberno local está a traballar en “novas accións de dinamización comercial e de apoio ao comercio de proximidade, que se desenvolverán tanto durante o Nadal como ao longo do vindeiro ano 2026”.