A actividade, organizada pola Concellería de Turismo, que dirixe Begoña Balado, desenvolveuse os días 25, 26 e 27 de marzo e contou coa participación da EFA Piñeiral, persoas usuarias da Residencia San José, da Asociación de Persoas con Discapacidade e Apoio á Integración das Comarcas de Arzúa e Terra de Melide “Amarai”, así como do CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario e do CEIP de Arzúa, reunindo participantes de distintas idades arredor dunha mesma experiencia.
Durante as diferentes xornadas, as persoas asistentes percorreron puntos destacados do casco urbano como a escultura do Peregrino, a Capela da Madanela, a Praza de Galiza, a escultura dos bois, a Queixeira, a igrexa de Santiago, o edificio do Concello de Arzúa, o parque de Ana Kiro e a escultura do Emigrante, entre outros.
Ao longo do percorrido, ofreceuse unha explicación contextualizada da historia da vila, da súa evolución e dos elementos que forman parte da súa identidade, combinando contidos sobre o patrimonio, a toponimia e as lendas locais nun formato accesible e próximo para todos os públicos.