Arzúa estará presente tamén na Semana Verde de Silleda, onde presentará unha oferta ampliada con produtos como o mel, ademais do tradicional queixo. “O queixo solapa outros produtos que tamén nos fan sentir orgullosos, como o mel. A Asociación Galega do Mel ten a súa sede aquí, e temos ata un museo dedicado a el”, apuntou, anunciando a participación dos produtores locais na feira, incluído o chef Diego Mato.

A parte máis reivindicativa da entrevista chegou ao falar do problema de transporte público interurbano, que, segundo Balado, leva anos sen solución. “É un problema serio. Hai colas de 20 metros nas paradas. Moita xente non pode coller o bus, nin para ir ao hospital, ao traballo ou estudar”, denunciou.
A situación agrávase coa chegada do verán e o aumento dos peregrinos: “Moitos están no seu dereito de coller o bus para ir ou volver de Santiago, pero ao reducirse as liñas, non hai capacidade. Isto afecta negativamente ao Camiño Francés e aos nosos veciños”. Balado reclamou que a Xunta actúe con urxencia, lembrando que xa se presentaron queixas, recollidas de sinaturas e solicitudes conxuntas con outros concellos como O Pino ou Melide.
“A Xunta ten que tomar medidas xa. Non é un problema novo, pero está a afectar gravemente ao noso día a día”, concluíu.