A actividade terá lugar os días 25, 26 e 27 de marzo e contará coa participación do CEIP de Arzúa, o CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario, a EFA Piñeiral, a Asociación de Persoas con Discapacidade e Apoio á Integración das Comarcas de Arzúa e Terra de Melide “Amarai” e persoas usuarias da Residencia San José, reunindo públicos de distintas idades e perfís arredor dunha experiencia compartida vinculada á vila.
O percorrido inclúe a visita a algúns dos espazos e elementos máis representativos do casco urbano de Arzúa, como a escultura do Peregrino, a Capela da Madanela, a Praza de Galiza, a escultura dos bois, a Queixeira, a igrexa de Santiago, a Casa Reitoral de Santiago, a Fonte do Ovo, o edificio do Concello de Arzúa, así como inmobles singulares como A Esquina e o Café Teatro. O itinerario complétase con referencias á escultura do Emigrante, á figura de Ana Kiro, ao mural de Lidia Cao e á lenda do Peregrino.
Ao longo do paseo, ofrecerase unha explicación contextualizada da historia da vila, da súa evolución urbana e social, da toponimia e dos símbolos municipais, así como das lendas e relatos que forman parte da memoria colectiva de Arzúa. O proxecto está pensado para que as persoas participantes poidan descubrir aspectos da historia local que descoñecían e, ao mesmo tempo, recoñecer espazos, feitos e relatos que forman parte da memoria da vila.