A figura tradicional do Nadal galego, interpretada por Anxo Moure, agasallou á cativada con contos, cantos e cunha amizade de por vida. As nenas e nenos que visitaron ao Apalpador levaron consigo unhas pequenas árbores traídas da Serra do Courel, que deberán coidar falándolles e plantándoas nun bo lugar, para botar raíces fortes e medrar xuntos e xuntas
Ames, 17 de decembro de 2024.- Arredor de 450 persoas reuníronse o pasado venres pola tarde no patio do Pazo da Peregrina de Bertamiráns para recibir o Apalpador, que visitou Ames xunto ao Pandigueiro e a Banda da Montaña. Estiveron acompañados da música do Ce Orquestra Pantasma. A figura tradicional do Nadal galego, interpretada por Anxo Moure, agasallou á cativada con contos, cantos e cunha amizade de por vida. As nenas e nenos que visitaron ao Apalpador levaron consigo unhas pequenas árbores traídas da Serra do Courel, que deberán coidar falándolles e plantándoas nun bo lugar, para botar raíces fortes e medrar xuntos e xuntas.
O Apalpador, o Pandigueiro e a Banda da Montaña, xunto co burriño Lor cargado de agasallos, colleron rumbo a Ames para engaiolar coas súas historias ás familias e aos nenos e nenas que asistiron ao encontro. A través destes contos, amosaron a súa preocupación pola lingua galega, por unha boa alimentación e polo coidado do medio natural. Nesa tentativa, as árbores constitúen un vehículo para construír a metáfora da vida e das raíces. Así, da mesma maneira na que as árbores enchen de vitalidade o noso planeta, a rapazada nutre ao galego para que bote raíces e medre de xeito saudable e natural.