Na procesión participaron tamén a imaxe do Neno Xesús, portada por nenos e nenas; a de Santa Lucía, a de San Martín e a de Santa Bárbara, que tamén estivo bailando durante boa parte do percorrido.
O alcalde, Anxo Arca, e todo o goberno padronés estiveron presidindo tanto a procesión como a subida ao monte do Santiaguiño. Pouco despois do mediodía, Anxo Arca e a concelleira de Festexos, Chus Campos, repartiron un sombreiro conmemorativo e as racións de sardiñas con bolo preñado, cachelos e pan de millo. En total, o Concello repartiu máis de 1.500 racións entre as persoas que formaron unha longa ringleira para degustalas.
Tras a misa solemne, cantada pola Coral Polifónica Padronesa, comezou a romaría, na que familiares e grupos de amigos compartiron un xantar popular nalgunhas das múltiples carpas instaladas no monte ou nas parcelas e mesas que cada quen preparou para compartir un día de festa.
Durante toda a tarde, a romaría do Santiaguiño estivo amenizada pola música popular que interpretaron os grupos de gaitas O Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, A Arreixeira e Xoldra, que xa participaran na procesión e subida do santo ata o monte. A cativada tamén puido gozar de moitos xogos e sorpresas durante a tarde.
As sete, Antonio e Manuel Cajaraville e Carlos e Uxío Beiró volvían baixar a imaxe do Apóstolo Santiago ata a igrexa parroquial, onde permanecerá outro ano máis, ata a vindeira edición das festas do Santiaguiño do Monte.
Derbi asnal
O Derbi Asnal celebrado o xoves foi un éxito rotundo pola masiva afluencia de persoas que se achegaron ata o paseo do Espolón para asistir a unha proba “na que houbo un absoluto respecto polos animais”, aseguraba esta mañá Anxo Arca.
Un total de 19 burros e 23 participantes déronse cita nunha carreira tan divertida como emocionante, organizada pola Asociación do Burro Fariñeiro (Abufa), con control veterinario tanto por parte da entidade como do Concello, que contratou un profesional independente.
Na modalidade de montados, o gañador foi Sergio Freire con Dinamita, seguido de Antonio Aradas con Melendi e Andrés Pérez con Caprichoso. Os mesmos protagonistas impuxéronse tamén na modalidade con burro á man, compartindo protagonismo con visitantes chegados de Madrid, Sevilla ou Ciudad Real que tamén quixeron participar.