O incremento dos ingresos correntes, que suman 143.020.457,98 euros, débese á mellora na xestión recadatoria, que este ano continuará avanzando coa recuperación da cobranza do lixo por parte dos servizos municipais (ata agora facíase a través da factura da auga), a novos conceptos como a taxa de depuración —na parte que corresponde á EDAR da Silvouta xa entra nas contas municipais— ou aos aparcadoiros do Ensanche, que se recuperan para a xestión pública.
Por outro lado, a previsión de ingresos de capital sitúase en 2.455.013,22 euros e diminúe respecto de 2025, entre outras cuestións porque os 5,8 millóns de euros procedentes do alleamento de parcelas xa non se recollen neste novo orzamento, así como polas transferencias de capital correspondentes ás axudas Next Generation (superiores ás dos proxectos EDIL).
En canto aos ingresos correntes, suman 143.020.457,98 euros, mentres que os gastos correntes ascenden a 139.143.940,92 euros, o que xera un aforro de máis de 3 millóns de euros que tamén se destinan a investimentos. Debido á limitación da posibilidade de recorrer ao crédito polas regras de gasto, este concepto queda en 2.972.000 euros.
Estes orzamentos tamén fan un esforzo no capítulo de persoal (capítulo I), que aumenta de 41,1 millóns de euros en 2025 a 45,8 millóns de euros en 2026, e supón o 31 % do total do orzamento. Isto permite, ademais de non amortizar ningunha praza das 42 vacantes por xubilacións nin das 12 transferidas ao Sergas, crear cinco novas prazas por riba das taxas de reposición (3 de policía local e 2 de administración xeral). A recuperación de prazas permitirá aumentar en seis os efectivos da dotación de bombeiros e cubrir necesidades noutros departamentos.