Padrón. 20-1-2025. O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e Rois, Ramón Tojo, asistiron este 17 de xaneiro ao acto de inauguración do Programa Integrado de Emprego (PIE) de Dodro 2024-25, no que participan os municipios de Rois, Padrón, Dodro, Catoira, Pontecesures e Valga para formar a 100 persoas demandantes de emprego destes municipios.
O acto oficial celebrouse no salón de plenos do Concello de Pontecesures, presidido pola súa alcaldesa, Maite Tocino. Ademais de Anxo Arca e Ramón Tojo, ao mesmo asistiron os alcaldes de Dodro, Xavier Castro, e Catoira, Xoan Xosé Castaño, e a técnico de emprego de Valga, María José Devesa.
O obxectivo do PIE é mellorar a empregabilidade das persoas participantes a través de accións de orientación e asesoramento, formación, técnicas de coaching, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, intermediación laboral, prácticas non laborais e obradoiros de mobilidade laboral.