O sábado, Luz Fandiño volveu visitar a Casa de Rosalía. Nun abarrotado auditorio da Fundación proxectouse a película documental A poeta analfabeta, que retrata unha muller fascinante: poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Producido por Nati Juncal, o documental recolle o pensamento e declaracións de Luz Fandiño pouco antes de morrer.
Ao igual que o alcalde, Nati Juncal coñeceu a Luz Fandiño cando se trasladou a Santiago para estudar na universidade. “Nesta película contamos o que Luz Fandiño quixo contar”, asegurou Juncal, tamén produtora de películas como As neves. Esta segunda xornada rematou co concerto de O’Leo de Matamá.
Esta primeira edición da Mostra de Cinema Galego FOCO rematou este domingo no auditorio municipal, no que máis dun cento de persoas puideron ver A loita final, o documental de Enrique Banet e Mabel Rivera que presenta unha mirada crítica sobre a implantación de Altri en Palas de Rei.
Segundo manifestou Enrique Banet no diálogo co público, A loita final recolle, “por un lado, a nosa visión do que pensamos que debe ser Galicia, e na que, mediante a voz en off, falamos da agricultura sostible ou da explotación sostible dos recursos. A outra parte é a que manifestan os entrevistados, case todos eles forman parte do Consello da Cultura Galega e o seu informe foi rexeitado pola Xunta”. Enrique Banet insistiu en que “non é un documental contra Altri. Mabel Rivera e máis eu quixemos facer un documental en defensa da verdade”.
Despois da proxección e do diálogo co público, Banet recolleu o FOCO de Honra a toda unha traxectoria que lle foi concedido a Mabel Rivera. “Ela hoxe non puido vir porque está en Madrid presentando a película Los domingos”, escusou Enrique Banet a ausencia de Mabel Rivera en Padrón.