O deputado puxo tamén o foco na importancia destas accións de cara ao Xacobeo 2027 e destacou a colaboración entre Deputación, Xunta de Galicia e asociacións de concellos do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra e Muxía.
A vía verde máis longa de Galicia
Outro dos temas centrais da entrevista foi a situación da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle, actualmente a vía verde máis longa de Galicia.
O deputado destacou que a infraestrutura suma xa 26 quilómetros operativos entre Oroso e Cerceda e que durante o último ano rexistrou máis de 38.000 percorridos, dos cales preto de 9.000 corresponderon a cicloturistas.
Durante a conversa, Leira puxo especialmente en valor o carácter seguro e natural deste espazo, pensado tanto para sendeiristas como para usuarios de bicicleta e para o desfrute en familia.
O deputado confirmou tamén que o obxectivo da Deputación é completar no outono a conexión total entre Santiago e Cerceda, ampliando o percorrido ata os 36 quilómetros. Segundo explicou, o tramo entre Santiago e Oroso foi o máis complexo da actuación debido aos problemas detectados nos túneles.
“Os túneles estaban preparados para pasar trens, non persoas”, explicou, detallando que foi necesario introducir modificacións nos proxectos para garantir a seguridade de peóns e ciclistas.
Deporte, turismo e territorio
Durante a entrevista, Antonio Leira falou tamén da II Marcha Cicloturista BTT Arzúa Destino Verde como exemplo da unión entre deporte, turismo e territorio.
Neste sentido, destacou o impacto económico e promocional deste tipo de eventos para os concellos e animou a outras localidades a impulsar propostas vinculadas ao turismo activo e á natureza. “Cada vez hai máis relación entre o deporte, a natureza e o turismo”, afirmou.
Axudas ao deporte provincial
En materia deportiva, Leira destacou tamén o esforzo da Deputación para apoiar tanto o deporte base como os clubs que compiten a nivel nacional e internacional.
Actualmente, a institución provincial destina arredor de cinco millóns de euros en distintas liñas de axudas para entidades deportivas, deportistas individuais, técnicos municipais e organización de eventos.
O deputado puxo especialmente en valor o traballo dos clubs pequenos e do deporte de base, salientando que “fan unha labor moi importante” nos barrios, parroquias e concellos da provincia.
Avenida da Grabanxa e praza Isaac Díaz Pardo
Xa no ámbito local, o tamén concelleiro do PSOE en Oroso, Antonio Leira referiuse á remodelación da Avenida da Grabanxa de Sigüeiro, asegurando que “nunca houbo ningún bloqueo” por parte da Deputación. Segundo explicou, a situación actual depende de que o Concello incorpore ao proxecto un informe topográfico e outras modificacións técnicas solicitadas pola institución provincial para poder continuar coa tramitación da actuación.
Sobre a praza Isaac Díaz Pardo, o deputado recoñeceu a funcionalidade do espazo e o uso que fan del familias e menores, aínda que insistiu na necesidade de reforzar a seguridade peonil.
Neste sentido, reclamou medidas para reforzar a seguridade peonil, como unha mellor sinalización ou a incorporación de pasos de peóns nun espazo moi frecuentado por nenos e familias.
Festa da Troita
A entrevista concluíu coa referencia á 28ª edición da Festa da Troita de Oroso, que se celebra esta fin de semana, os días 8, 9 e 10 de maio.
Leira definiu esta celebración como “a festa máis arraigada” do municipio e animou á veciñanza e aos visitantes a achegarse a Oroso para desfrutar dunha cita que combina gastronomía, música e actividades para todos os públicos.