A programación do Apego para este primeiro semestre do ano 2026 arranca, precisamente, o próximo venres 6 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns co concerto-presentación do novo disco da Gramola Gominola, titulado Parabéns para nós!, co que o grupo festexa por todo o alto o seu décimo aniversario. Un concerto con música, humor e rock&roll no que gozaremos dos temas máis coñecidos e máis reclamados polo público gramoleiro con mensaxes a prol da igualdade, da lingua, do ecoloxismo e da educación. Para poder acudir deberase facer unha inscrición previa dende o 31 de xaneiro ao 5 de febreiro enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.
No mes de febreiro, os cativos e cativas tamén poderán participar do espectáculo de clown, Peter Punk e o neno imperdible, onde o pallaso Peter Punk, chegado do país de Nunca Máis, e o músico Brais das Hortas tratarán de descubrir que lle acontece a un pallaso cando o seu ego supera o seu propio nariz. Teatro, circo e música en directo xuntaranse o venres 20 de febreiro ás 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.
Xa en marzo, a programación abre coa obra de teatro infantil Berenguela na gaiola, da compañía Galeatro Producións Escénicas, o venres 6, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Unha divertida e emotiva proposta teatral baseada nun texto de Manuel María e dirixida por Paula Carballeira. Unha semana despois, o venres 13, chega Garavanciña, unha peza teatral de Migallas Teatro con música en directo que trae a maxia dos contos clásicos con monicreques desde unha perspectiva feminista á Casa da Cultura do Milladoiro. Pecha o mes a adaptación doutro clásico con música orixinal en galego, O libro da selva: o musical, de Ártika Cía. Esta peza convida a reflexionar sobre a amizade, a identidade, a convivencia e o respecto á natureza e poderémola ver o venres 27, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
En abril haberá dúas actividades. A primeira, o venres 10 na Casa da Cultura de Bertamiráns, será Arrolar e bailar, un obradoiro da Fundación Legar para reforzar os vínculos entre as crianzas máis pequenas e as persoas a través do canto e do baile. A segunda, o xoves 23 na Casa da Cultura do Milladoiro, Contos da Tribo, unha actividade de Cris de Caldas que combina conto contado, música, formación e exposición de libros para crear comunidade arredor da lectura.
O mes de maio arrancará o venres 8 con Aielé. De colo en colo, de canción en canción, un concerto de cancións orixinais de Golfiños inspiradas na tradición oral para crear un espazo cheo de xogo, música e diversión. O venres 22 será a quenda da Foliada con Apego, un encontro cheo de música de noso dirixido pola gaiteira Sabela Olivares. O mes finalizará o venres 29 co estimulante espectáculo teatral para crianzas Tilintilonia, de O Baúl da tía Tola.
Por último, en xuño, celebrarase a VII Festa do Apego o sábado 6, con actividades e recursos para gozar da festa en familia e favorecer a socialización e a crianza en galego. Pechando a programación, o sábado 13, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle o concerto participativo A landra viaxeira e o amigo lambón, de Os Jalochos. As crianzas coñecerán a historia de Landra e a súa viaxe por Galicia nunha folla de carballo, xunto co seu amigo Lambón.
Os prazos de inscrición das distintas actividades pódense consultar no catálogo da programación. Así mesmo, para resolver dúbidas ou obter máis información pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística a través do enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou do número de teléfono 662 377 215. Para aquelas actividades dependentes da Concellaría de Cultura pódese escribir a cultura.milladoiro@concellodeames.gal.
Contos nas bibliotecas municipais
As bibliotecas municipais seguen con actividades de animación á lectura infantil. Así, acollerán vinte e catro sesións de Conto Contiño para rapazada de entre 3 e 8 anos, tanto na Biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns, sempre ás 17:30 horas. Serán martes, mércores e xoves e para asistir cómpre inscribirse previamente enviando un correo ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal ou a través dos teléfonos 981 884 829 (Biblioteca de Bertamiráns) e 981 530 807 (Biblioteca do Milladoiro).
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas, creativas e educativas.