Deste xeito, dende o pasado mes de xuño programáronse preto de 50 actividades, entre as que destacan a programación de Ames en Festas, os Seráns de Ames, as Noites en Vela, o festival Ames Jazz, o Millarock, o acto do Día de Galicia, o concurso Baila con Ames, o festival ABANEA, o concerto de Mondra no parque do Ameneiral, a programación da semana da mobilidade, etc.
Peche do verán coa Olympus
A actuación da orquestra Olympus, inicialmente incluída na programación do Ames en Festas 2025, estaba prevista para o martes 5 de agosto como peche das festas da Madalena, pero tivo que ser cancelada por motivos meteorolóxicos (fortes refachos de vento). Esta situación meteorolóxica non garantía a seguridade dos asistentes e do equipo da propia orquestra, polo que decidiuse suspender a actuación e reprogramala para unha nova data.
Finalmente, a actuación da orquestra Olympus farase o venres, 19 de setembro, como festa de final de verán, no aparcadoiro do Supercor, en horario de 9.00 a 00.00 horas, para facilitar a asistencia de publico adulto e familiar. A festa rematará arredor da medianoite para compatibilizar tanto a diversión como o descanso da veciñanza do Milladoiro.