O Concello de Ames participou nas sesións interactivas que se desenvolveron de 13.00 a 14.15 horas. O alcalde, Blas García, foi o encargado de expoñer o modelo da Rede municipal de comedores escolares, Bos días Cole e Tardes divertidas. En primeiro lugar, explicou que Ames é o único concello de Galicia que crece con saldo vexetativo positivo e que conta cunha media de idade de 39 anos. Tamén destacou que o 20% do presuposto municipal, que ascende a 33 millóns de euros, están dedicados á educación. Dende o ano 2.000 o concello de Ames duplicou a súa poboación, contando na actualidade con arredor de 33.000 habitantes.
De seguido, fixo unha cronoloxía sobre os avances nos servizos complementarios educativos e de conciliación postos en marcha polo Concello de Ames. Deste xeito, explicou que en 2004 naceu a primeira Escola de Verán; en 2005 creouse o servizo municipal de comedores escolares; en 2007 amplíase o servizo cos programas Bos días cole e Tardes divertidas; en 2009 incorporase ao persoal municipal unha técnica en nutrición para adaptar os menús aos usuarios e usuarias dos comedores escolares; e 2011 faise a implantación dos lúdicos durante todo o ano (Ames concilia 365 días).
Ademais, en 2011 aplícase a administración electrónica aos programas de conciliación; en 2019 chegan os servizos de conciliación ás escolas unitarias; en 2024 actualízanse as ordenanzas e regulamentos dos servizos complementarios educativos e de conciliación; e en 2025 ponse en macha a Cociña central.
O rexedor municipal tamén explicou que o Concello de Ames dispón dunha cobertura dos 365 días do ano a través dos servizos complementarios educativos e de conciliación. Isto faise a través da Rede municipal de comedores escolares, Bos día cole e Tardes divertidas durante o período escolar lectivo, e a través dos programa lúdicos (Nadal Lúdico, Entroido Lúdico, Primavera Lúdica e Setembro Lúdico) e da Escola de Verán que funciona durante os meses de xullo e agosto.
Rede municipal de comedores escolares
O servizo de comedores escolares púxose en marcha no curso 2005-2006 con dous comedores, unha cociña, un vehículo para transportar a comida e 300 usuarios/as. Na actualidade, vinte anos despois, cóntase con sete comedores (proximamente serán oito cando se abra o novo CEIP do Milladoiro), dúas cociñas (a Cociña central e maila cociña da EEI do Milladoiro para menús específicos de tratamento nutricional), tres vehículos para transportar a comida e preto de 1.400 usuarios/as.
Tamén se puxo o foco no control total dos procesos que se realiza nos comedores escolares de Ames cun modelo de xestión directa (autoxestión): xestión administrativa, atención dos nenos e nenas e elaboración da comida. Este servizo municipal ten un dobre obxectivo, a conciliación familiar e educar en hábitos saudables. Segundo se establece no artigo 3 do regulamento aprobado en Pleno en 2006: como proxecto educativo o seu obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimenticios saudables e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas e hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.
Atención dos nenos/as usuarios/as
O Concello de Ames, a través da Rede municipal de comedores escolares, atende a preto de 1.400 nenos e nenas. Trátase dunha grande cantidade de alumnado se o comparamos cos 1.000 usuarios/as que se atenden nos comedores escolares de Santiago de Compostela, que conta co triplo de poboación que ten Ames. Ademais, os comedores amesáns teñen unha ratio de monitoraxe de 1/15, un monitor/as por 15 usuarios/as, a metade da ratio que aplica a Xunta de Galicia 1/30. A Rede municipal de comedores de Ames conta con 49 usuarios/as con baixa autonomía e con 33 monitores/as para atender a ditos usuarios/as.
Por outra banda, cómpre destacar o proceso de elaboración da comida que se serve nos comedores escolares de Ames. En dito proceso destaca o control e autoxestión total: produción, distribución e limpeza; a utilización de produto fresco, de tempada, de proximidade e comprado a produtores locais; e a posibilidade de adaptación dos menús ante condicións médicas, relixiosas ou persoais.
Retos de futuro
Por último, Blas García deu uns apuntes sobre cara onde se dirixe a Rede municipal de comedores escolares de Ames, que son a execución da segunda fase da Cociña central, para ampliar as instalacións actuais co obxectivo de habilitar unha segunda cociña independente, onde se poidan elaborar os menús específicos de tratamento nutricional, para así dispoñer no mesmo lugar dunha cociña para a elaboración do menú basal e outra para o menú de intolerancias.