Os Concellos de Ames e Brión están a desenvolver a sexta edición do obradoiro dual de emprego Renova, no que participan 20 alumnos/as traballadores/as (15 do concello de Ames e 5 do concello de Brión). Nesta edición impártense 12 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial ENAE0108 de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Ademais, impártese a especialidade do catálogo SEPE: SSCI016PO Mantemento e conservación de piscinas. O alumnado ten que completar 1.920 horas de formación teórica e práctica. Este obradoiro rematará o vindeiro 23 de novembro e os Concellos de Ames e Brión xa están traballando no proceso de selección da sétima edición deste obradoiro de emprego.
Ademais, completouse a formación do alumnado no certificado de profesionalidade con cinco cursos a maiores: curso de prevención de riscos laborais homologado pola Fundación laboral da construción, curso de carretillas elevadoras, curso de plataformas elevadoras móbiles para persoas (PEMP), curso de traballos en altura, e curso sobre a lexionela. Ditas accións formativas teñen o obxecto de inculcar prácticas seguras nos traballos e nas actuacións aprobadas (cultura preventiva) e mellorar a cualificación e empregabilidade do alumnado.
Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego en que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Este obradoiro está sufragado a través dunha subvención de 546.546,80 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Os Concellos de Ames e Brión achegaron 179.476,18 euros.
Novas instalacións fotovoltaicas
Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realizou un total de 22 actuacións de interese municipal. Neste caso, están montando unha nova instalación de paneis solares fotovoltaicos na estación depuradora de Sisalde, que presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Dita instalación consta 90 módulos fotovoltaicos para unha potencia total instalada de 49,5 kWp, ademais dos equipamentos adicionais para o seu funcionamento (inversores, cableado, etc.). Así mesmo executáronse traballos previos para o acondicionamento do terreo (nivelación, instalación de zapatas e lastres para os paneis, etc.). Tamén se executaron as instalacións fotovoltaicas e sistema de bombeo nas piscinas municipais de Bertamiráns e Milladoiro, así como a instalación dun sistema de bombeo na piscina municipal de Bastavales en Brión.
Así mesmo, realizáronse traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas do centro de formación e emprego do concello de Ames, no campo de fútbol e no pavillón polideportivo de Bertamiráns, no campo de fútbol do Milladoiro, na Casa da Cultura e nas instalacións deportivas do Milladoiro, na escola infantil municipal de Brión, no pavillón polideportivo de Brión, no espazo colaborativo Transformando de Brión, na planta EDAR da Ameixenda, na planta EDAR do Milladoiro, no centro polivalente de Brión, na estación depuradora de Lens (que presta servizo aos concellos de Ames e Brión), e na pérgola fotovoltaica da biblioteca de Brión.
Programa Integrado de Emprego de Ames e Brión
Ademais do obradoiro de emprego, os Concellos de Ames e Brión están a desenvolver o programa integrado de emprego 2023-2024, que rematará o vindeiro 12 de novembro de 2024. A edición actual conta con 100 participantes demandantes de emprego dos colectivos: persoas menores de 30 anos, persoas maiores de 45 anos e mulleres. Á data actual xa están a traballar ou traballaron o 50% dos participantes, superando obxectivo de inserción inicial. Para realizar este programa contouse cunha subvención da Xunta de 219.610 euros, mentres que os Concellos achegaron 40.006.97 euros.
Ao longo do programa desenvolvéronse catro itinerarios formativos de carácter sectorial, nos que se incluían diferentes cursos e prácticas non laborais: actividades para a infancia e a xuventude; actividades de comercio e atención ao público; xestión e organización do almacén e turismo, acompañados de prácticas non laborais en empresas do concello e a súa contorna. Os itinerarios completáronse con formación transversal en inglés, manexo de carretilla elevadora, hixiene e manipulación de alimentos e técnicas de primeiros auxilios, entre outros, ademais de toda a formación en habilidades socio-laborais e busca de emprego
Actualmente estase a impartir a última formación programada, correspondente a informática e novas tecnoloxías, e alumnado da formación sectorial realiza ou xa finalizou prácticas non laborais en diferentes empresas da contorna.
Ademais, os Concellos de Ames e Brión xa puxeron en marcha unha nova edición do programa integrado de emprego. Na actualidade estase co proceso de selección das persoas participantes. Ata o día 29 de novembro de 2024 está aberto o prazo para solicitar praza no programa integrado de emprego 2024-2025. Esta edición o programa está aberto a 100 persoas desempregadas que se formarán nos sectores do comercio, almacén, limpeza, administración e xestión, ocio e tempo libre, e turismo.