O Concello de Ames ten o deber de executar as correspondentes operacións de conservación e mantemento dos viarios de acceso e interiores dos núcleos rurais co obxectivo de preservar o estado de ditas vías. Deste xeito, a través de dito servizo preténdese facer os traballos de desbroce nas marxes dos camiños de acceso aos núcleos de poboación, así como nos seus interiores.
O alcalde, Blas García, destaca “a importancia de volver a contar con este servizo que foi posto en marcha no ano 2021 cunha moi boa acollida entre a veciñanza amesá. O anterior contrato tivo que resolverse debido á quebra da anterior concesionaria de dito servizo. É unha clara aposta polo rural amesán, e en concreto, unha aposta seria e firme pola conservación dos nosos núcleos rurais”.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “este servizo foi licitado por primeira vez no ano 2021 co obxectivo de poñer en marcha unha brigada específica de limpeza e mantemento no rural. Agora, vólvese apostar por este servizo cun novo contrato que está reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social”.
Orzamento base de licitación
O orzamento base de licitación ascende a 741.684,30 euros (IVE incluído), que estará dividido nos exercicios 2026, 2027 e 2028. Durante o exercicio 2026 (de abril a novembro) está previsto un gasto de 247.228,10 euros. Para 2027 (de decembro de 2026 a novembro de 2027) o gasto do contrato ascende a 370.842,15 euros, mentres que para 2028 (de decembro de 2027 a marzo de 2028) recóllese un gasto de 123.614,05 euros. O contrato terá unha duración inicial de dous anos, con posibles prórrogas.