Ames, 11 de decembro de 2024.- O Concello de Ames vén de decretar un día de loito oficial polo pasamento Maximino Viaño, cronista oficial de Ames e que recibiu a medalla do Concello no acto do Día de Galicia celebrado en xullo de 2020. As bandeiras da Casa do Concello ondearán a media hasta dende as 12.00 horas do mediodía deste mércores, 11 de decembro, ata mañá a esta mesma hora. En febreiro de 2017 o Concello de Ames realizoulle un acto de homenaxe no Pazo da Peregrina, onde Maximino Viaño estivo acompañado das autoridades municipais, familiares e amigos/as. Ademais, en maio de 2019 presentou, tamén no Pazo da peregrina, o seu último libro “Visto desde a aldea. Aquela xentiña éramos así”, que contou coa colaboración do Concello de Ames e da Deputación da Coruña.
O alcalde de Ames, Blas García, destaca que Maximino Viaño “era unha persoa moi querida, coñecida e apreciada no concello de Ames. Fixo unha labor moi importante, tanto no eido cultural como empresarial. Axudou a fundar Feiraco e Ternera Gallega. Foi unha persoa que sempre estivo moi vinculada ao campo, pero tamén no ámbito cultural aportou moito ao noso concello. Sempre foi un firme defensor da lingua galega, con tres publicacións, a última delas contou coa colaboración do Concello de Ames, e nas que recolle historias do Val da Maía e da contorna de Ames”.
Ademais, o rexedor municipal dixo que “no ano 2020 dende o Concello recoñeceuse a súa labor coa distinción máis grande que outorga o Concello que é a medalla de Ames, e tamén recoñecéndoo en 2015 como o cronista oficial de Ames. Coa súa marcha hoxe, remata unha etapa moi importante da historia de Ames. Nestes momentos temos que estar ao lado da súa familia apoiándoos e trasladándolle o noso cariño, pero ademais, como último acto que podemos facer dende o Concello, imos a decretar un día de loito oficial que comeza hoxe mércores, ás 12.00 horas do mediodía, e rematará mañá xoves á mesma hora. Alá onde estea que siga contando esas historia que contaba con tanto cariño do concello de Ames”.
Dende o Concello infórmase que a capela ardente está instalada no tanatorio Apóstolo Santiago, situado en Bertamiráns. O funeral será este xoves 12 de decembro. Saírase ás 16.30 horas dende o tanatorio cara a igrexa parroquial de Tapia, onde terá lugar dito funeral.
Cronista oficial e concesión da medalla do Concello de Ames