O Concello de Ames, no marco do convenio asinado por FEGAMP e IGVS para o desenvolvemento de vivendas baleiras no ámbito do Plan Galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda 2015-2020, agora Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, vén de convén a cesión de 68 vivendas baleiras pertencentes a unha entidade bancaria para a súa posta a disposición das familias de Ames que o necesitasen.
O programa derivado do Pacto da vivenda de Galicia 2021-2025, de mobilización de vivendas baleiras permitiu que o Concello de Ames incorporase esas 68 vivendas para un alugueiro social comprendido entre 207 e 285 euros ao mes, cunha duración do contrato dun ano con prórroga obrigatoria ata un máximo de 7 anos. A propiedade conta tamén con dúas pólizas de seguros financiadas polo IGVS que garanten impagos, defensa xurídica e responsabilidade civil. Por outra banda o propietario dos inmobles, a entidade bancaria, terá unha bonificación de ata o 50 % do IBI nas propiedades cedidas ao programa de vivendas baleiras.
O requisito mínimo para poder ser beneficiario destas vivendas é o de contar con recursos económicos limitados, comprendidos entre o 0,7 e o 2,5 do IPREM e a adxudicación das propiedades realízase por prioridades dos colectivos vulnerables aos que pertenza cada unidade familiar: execucións hipotecarias, desaloxo por impago de renda, familias numerosas, familias monoparentais, familias con menores a cargo, diversidade funcional, vítimas de violencia de xénero… Por outra banda as características do inmobles adxudicados tamén serán adaptadas ao tipo de unidade familiar, priorizando os baixos para persoas con mobilidade reducida e os pisos de maior número de habitacións a familias con maior número de integrantes.
Das 68 vivendas están dispoñibles 54, das cales na actualidade foron adxudicadas 19 e 23 están na fase final do proceso. As restantes (12) están pendentes de solucionar concordancias no catastro para poder adxudicarse de igual maneira que o resto. A concelleira de Benestar Social, Uxía García, sentenciou que “desta maneira damos resposta aos veciños e veciñas sen recursos que nos piden axuda para acceder a unha vivenda digna. Este tipo de políticas devólvenlle a dignidade ás persoas”
A vivenda, un punto clave do mandato 2023-2027