Na súa quenda, Evaristo Calvo, salientou que “espero que todo o público o pase moi ben, ademais vai ser a primeira vez que actúe en monólogo compartindo escenario, neste caso con Kari Carbone, o que para min é un absoluto misterio e espero que nos deamos inspiración mutuamente, algo esencial neste eido artístico”.
Polo seu lado, Federico Pérez, resaltou tamén a calidade do cartel deste ciclo de monólogos e tamén “é un pracer poder actuar neste escenario e agradézolle ao concello por contar comigo para participar neste ciclo”.
A última das artistas en intervir foi Marta Doviro, subliñando que “é toda unha honra participar neste ciclo e teño a sorte de repetir e volver a actuar en Ames, xa que o ano pasado estiven no Milladoiro coas rumorosas, daquela con teatro”.
Pola súa banda, o concelleiro de cultura e alcalde de Ames, Blas García, destacou varios aspectos do ciclo, “por unha parte, este ano conseguimos a paridade nos participantes, habendo o mesmo número de homes que de mulleres neste cartel. Ademais, no espectáculo do domingo imos contar cunha intérprete en lingua de signos para facilitarlle á asistencia ás persoas xordas que desexen participar no monólogo. Por último, tamén consideramos importante, e é unha parte fundamental desta iniciativa, darlle espazo e oportunidade aos novos talentos que están comezando nesta disciplina artística”.
Catro sesións de monólogos en Bertamiráns e Milladoiro
Nesta segunda edición do ciclo de monólogos de Ames participarán un total de oito monologuistas que, dende logo, traerán unha boa dose de gargalladas e humor para o público amesán ao longo destas catro xornadas.
A primeira sesión terá lugar o xoves 22 de maio, en Bertamiráns, ás 21.00 horas, da man de Marta Doviro e José Blanco. Pola súa banda, no seu espectáculo “Unha rapasa da Costa da Morte”, Marta Doviro ten como eixo central ese territorio de Galicia, onde a comunicadora e cómica viviu gran parte da súa infancia. Por outro lado, José Blanco é desa nova xeración de cómicos que ofrece un show cheo de humor xenuíno, cunha concepción artistocrática do humor.
En canto á segunda xornada, desenvolverase o venres 23 en Milladoiro, tamén ás 21.00 horas, con Evaristo Calvo e Kari Carbone. Desta volta, Evaristo Calvo, cunha longa traxectoria sobre os escenarios e na televisión, ofrece unha proposta cómica que non deixará a ningún espectador indiferente. Pola súa banda, Kari Carbone, a pesar levar moi pouco tempo na escena, conta cunha improvisación e espectáculo cheo de forza.
Na terceira xornada, o sábado 24, o auditorio de Bertamiráns acollerá a partir das 21.00 horas os espectáculos de Federico Pérez, unha das caras máis recoñecidas da televisión e escena teatral galega, e Cata Ukelele, cómica de stand up viguesa que ofrece un humor fresco e dinámico ao longo do seu espectáculo.
En canto á derradeira sesión do ciclo de monólogos, que se desenvolverá o domingo 25, ás 20.00 horas, no Milladoiro, terá coma protagonistas a Soledad Felloza e Matías Cubilla. Pola súa banda, Soledad Felloza é unha artista con trinta anos de experiencia como actriz, narradora oral e monologuista que percorreu escenarios de diferentes países. En canto a Matías Cubilla, é un artista que adoita ter un contacto directo co público, mais non se limita a experimentar novas formas de facer humor. Cómpre destacar que este último espectáculo contará cunha adaptación en linguaxe de signos.