O Espazo A Proa facilitará ás persoas usuarias, a posibilidade de dispoñer dun espazo de traballo dotado dunha serie de servizos e infraestruturas comúns que, propiciando a relación con outras empresas e/ou profesionais nunha situación similar, melloren as súas posibilidades de crecemento, consolidación e éxito empresarial.
Xestión do servizo público do ciclo integral da auga
Ademais, aprobouse por unanimidade a liquidación final do contrato de concesión para a xestión do servizo público do ciclo integral da auga do Concello de Ames asinado con Espina & Delfín SL. Proponse fixar en concepto de liquidación un saldo a favor do Concello de Ames de 815.180,82 euros, polos conceptos de mantemento correctivo pendente (807.579.82 euros), importe do perfilador láser que non puido repoñerse (4.000 euros), e a diferencia de valor entre a cámara ofertada polo licitador e a finalmente achegada que, non obstante, cumpre satisfactoriamente a súa función (3.601 euros).
Aparcadoiro baixo tarifas no Milladoiro
Outro dos temas tratados no pleno ordinario de decembro foi o inicio do expediente para a prestación do servizo público de aparcadoiro baixo tarifas na localidade do Milladoiro. Este tema foi aprobado por maioría absoluta co voto a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular de Ames. Abstivéronse os/as concelleiros/as do BNG e votou en contra a concelleira de Espazo Común.
O concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade, Víctor Fernández, explicou que esta proposta “ten o obxectivo de dar resposta a actual necesidade de aparcamento que existe no Milladoiro. Como resultado da procura de espazos de aparcamento, localizouse unha planta soto baleira xa destinada a aparcamento no edificio que se atopa entre as rúas Agro do Medio, Pardiñeiros e Agro da Vella, que pertence a un único titular e ten capacidade para albergar arredor de 135 prazas de garaxe. Iniciadas as conversas co seu titular, este está interesado en cederllo ao Concello, para a súa explotación, mediante arrendamento, para que sexa a administración o que o explote de forma directa ou indirecta”.
Para elo haberá que crear unha Comisión de estudo composta por membros da Corporación e por persoal técnico. Dita comisión redactará unha memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade económica de que se trate, na que deberá determinarse a forma de xestión, entre as previstas pola lei, e os casos en que debe cesar a prestación da actividade. Así mesmo, deberá acompañarse un proxecto de prezos do servizo, para cuxa fixación se terá en conta que é lícita a obtención de beneficios aplicables ás necesidades xenerais da entidade local como ingreso do seu orzamento, sin prexuízo da constitución de fondos de reserva e amortizacións. Posteriormente, determinarase a forma de prestación do servizo e determinarase o seu réxime xurídico.
Dende os grupos políticos da oposición, a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “a única solución que plantexa o goberno para O Milladoiro é a creación de prazas de aparcamento baixo pago. Podería ser unha solución alternativa para o comercio, pero non pode ser unha solución para a veciñanza do Milladoiro. Deberían buscar outro tipo de alternativas que non fosen prazas de aparcamento de pago”. A voceira do BNG, Escarlata Pampín, destacou que “deberíamos debater sobre a creación de novas prazas de aparcamento públicas e gratuítas, tal e como demanda a veciñanza e mailo comercio. Estamos ante o mandato da privatización e do recorte dos servizos públicos, agora tamén no que ao aparcamento se refire”. A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou que “somos coñecedores do gran problema que ten O Milladoiro coa falta de prazas de aparcamento, polo que estamos a favor de todas aquelas solucións que se propoñan e que teñan lóxica para tratar de solucionar dita falta de espazos de aparcamento”.
Licitación do servizo de axuda no fogar
Por outra banda, a Corporación municipal aprobou por unanimidade o expediente de contratación, mediante procedemento aberto con varios criterios de adxudicación suxeito a regulación harmonizada, tramitación urxente e tramitación de gasto anticipada, do contrato de servizo de axuda no fogar, nas modalidades de SAF libre concorrencia e SAD dependencia do Concello de Ames. No pasado pleno ordinario de outubro aprobouse por unanimidade o inicio do expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames, polo que agora se aproba o inicio de licitación dun novo contrato.
Recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2024
Ademais, aprobouse por unanimidade o recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2024 por un importe de 296.464,85 euros. Todos os gastos incluídos nos expedientes responden a obrigas económicas pendente de imputación orzamentaria.
Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT)
Por último, aprobáronse a resolución de alegacións e aprobación definitiva da décimo segunda modificación da relación de postos de traballo do Concello de Ames, e maila modificación do cadro de persoal anexo ao orzamento xeral do Concello de Ames do 2024, como consecuencia de dita modificación.
Primeiro votouse a urxencia de ambos puntos, que foi aprobada por unanimidade, e posteriormente debatéronse ambos puntos. No primeiro punto aprobouse a estimación dunha alegación, presentada polo técnico do Ciclo integral da auga, e maila desestimación das noves alegacións restantes. De seguido, debateuse a modificación do cadro de persoal anexo ao orzamento xeral do Concello de Ames do 2024, como consecuencia de dita modificación.