Percorrido
O percorrido desta edición será semellante ao das pasadas edicións. Na segunda volta, non se subirá á zona de Aldea Nova e os participantes irán directamente polo sendeiro fluvial “Rego dos Pasos”, que estará debidamente indicado o propio día da proba.
Restricións de tráfico previstas esta fin de semana
Por mor do desenvolvemento da proba, durante esta fin de semana a avenida José Luis Azcárraga, onde está situado o Pazo da Peregrina, sufrirá varias restricións ao tráfico por ser o punto de saída e meta.
Recoméndase evitar as vías mencionadas e utilizar un desvío alternativo desde Covas cara Bertamiráns pola DP-0203 (Augapesada-Bertamiráns), AC-453 (Roxos– Portomouro) e AC-543 (Santiago–Bertamiráns).
Participación e inscricións
Poderán participar na proba todos os corredores e corredoras con licenza de ciclismo en vigor para a tempada 2025, ou ben aquelas persoas que tramiten unha licenza de 1 día.
As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (S23, elite e máster), Transgalaica do Futuro (Junior federados masculina e feminina) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día). As inscricións están abertas ata este mércores 12, ás 23:59 horas, premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es. As persoas federadas teñen unha cota de inscrición de 20 euros (excepto os federados Junior, que competirán a un custe de 0€), mentres que as non federadas deberan abonar 32 euros (22 euros de inscrición + 10 euros pola licenza de 1 día).
Orde de saída e clasificacións
A orde de saída estará determinada nos seus 100 primeiros postos polas 100 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 75 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A maiores, establecerase unha clasificación por categorías para a que puntuarán os 25 primeiros de cada categoría.