1. O derrubo da Casa da Xuventude.
2. A eliminación de asesores e cargos creados polo BNG e Compostela Aberta, destinando eses fondos á programación cultural.
3. O reforzo inmediato do servizo de limpeza.
4. A posta en marcha dun novo contrato da auga “que xeraría 100 millóns de euros para os santiagueses”.
5. A auditoría do servizo de autobuses urbanos.
6. A axilización administrativa e urbanística.
7. A creación dunha rede pública de cociñas escolares.
8. A construción de vivenda “cen por cen pública” e a paralización da venda de solo público.
9. A instalación de parques infantís cubertos.
10. O reforzo da plantilla da Policía Local e medidas complementarias de seguridade.
Con esta proposta, os populares aseguran querer “recuperar a estabilidade institucional” en Santiago tras meses de tensión entre o goberno do BNG e os concelleiros non adscritos.
Rosón e Muíños marcan distancia
Porén, a propia Mercedes Rosón asegurou a El Correo Gallego que “xamais” formará parte dun goberno de coalición co Partido Popular, e lembrou que “o PP coñece perfectamente a súa postura”, desbotando así a posibilidade de liderar esa hipotética moción de censura.
Pouco despois, Gonzalo Muíños publicou un comunicado nas súas redes sociais no que desmentiu calquera negociación e pechou definitivamente o debate: “Non vai haber moción de censura. Nunca quixemos entrar nese debate, nin o imos facer agora.”
O edil recoñeceu que “lle gustaría que Mercedes Rosón fose alcaldesa” e que “ao Concello iríalle mellor se así fora”, pero insistiu en manter a palabra e o compromiso co programa electoral co que se presentou ás eleccións.
“A xente que nos votou non o fixo para que pactáramos co Partido Popular”, afirmou.
Muíños acusou ademais a certas persoas de “facer ruído interesado” e de tentar “limpar a súa imaxe” aproveitando a polémica, concluíndo cunha frase contundente: “Nós temos palabra; outros, palabrería.”
O PSOE local critica calquera achegamento ao PP
Desde o PSdeG de Santiago, o secretario xeral Aitor Bouza saíu ao paso da polémica cunha mensaxe clara nas súas redes sociais: “Temos moi clara a nosa postura: non imos mercadear co PP para obter un sillón, nin directa nin indirectamente, e non participaremos en manobras que pretendan perverter a maioría de esquerdas que escolleu a veciñanza.”
Bouza subliñou ademais que os socialistas seguirán firmes na oposición construtiva, defendendo “os intereses das veciñas e veciños de Compostela, coa cidadanía e cos nosos principios como prioridade”.